David Pernas, fundador de Trinketrinke: «Máis de 120.000 persoas viron as funcións dos Ratos de Lonxedetodo»
A CORUÑA CIUDAD

Edita un conto para preservar historias e pezas dos roedores das bibliotecas
10 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.David Pernas (A Coruña, 1968), fundador de Trinketrinke, é o editor de Viaxes e cancións dos Ratos de Lonxedetodo, unha homenaxe en papel a uns roedores de biblioteca que levan máis de 30 anos facendo ler aos cativos.
—De onde saen os ratos?
—Parten dun proxecto de Maxisterio de Marta Alonso, Victoria Toba e a miña irmá Elena Pernas para aplicar o teatro á animación á lectura. Eu estaba no grupo de teatro Sardiña e comecei a colaborar. Levamos o proxecto adiante a finais dos 80 e ofrecémosllo á biblioteca pública que antes estaba no xardín de San Carlos, á Feira do Libro e comezamos a traballar. Elas colleron a biblioteca infantil de Durán Loriga e empezamos a facer os ratos, que eu, xa co TrinkeTrinke ofrecín en toda Galicia. Fomos dos primeiros en propor contacontos e animación á lectura en bibliotecas.
—Canta xente pasou?
—Agora somos Vanessa Rivas, Isa Risco, Nadia Hariri, Juanillo Esteban e máis eu, mais ao longo de 32 anos pasaron catro actores máis. Foi un traballo ininterumpido nas bibliotecas de Galicia, aínda que onde somos máis coñecidos son nas da Coruña, Oleiros, Carral, Carballo e Zas. E ata 2023, nas Cambre, co Moucho Leroucho.
—Por que o salto ao papel?
—A idea do libro comezou a xestarse na pandemia, polo parón de traballo que tivemos. Sempre me gustou debuxar e como nós, ao longo de máis de tres decenios, fomos creando cancións para cantar nas bibliotecas decidín publicar un conto coa idea dunha viaxe dos Ratos de Lonxedetodo, que se van a Brasil e cada etapa da viaxe está acompañada dunha canción. A miña ilusión era que quedara constancia literaria e musical dos Ratos de Lonxedetodo. Eu, que pasei tanto tempo escollendo contos para contar nas bibliotecas, facíame ilusión que o noso poda estar ao alcance dos nenos e as nenas. Neste tempo máis de 120.000 persoas viron as funcións dos Ratos de Lonxedetodo. Eu non descarto seguir publicando libros, pero o meu soño é traducir este ao castelán, portugués e ao inglés.

—Que cambiou dende o comezo?
—Daquela había moi poucas editoriais que publicaran conto infantil en galego. Aínda non existía o Salón do Libro de Pontevedra nin Kalandraka, que hoxe teñen unha repercusión moi grande. Tampouco os circuítos da Xunta de contacontos. A principios dos 90, cando comezamos nas bibliotecas municipais da Coruña había moita menos oferta cultural para nenos e nenas da que hai hoxendía. Daquela comezaron as Semanas de Teatro Infantil, os concertos didácticos da OSG. As actividades que nós facíamos tiñan un poder de convocatoria moi grande, e eran actos moi festivas e participativas.
—O público cambiou?
—Aos nenos e nenas séguenlles gustando os contos, seguen quedando enfeitizados dun conto no que suceden cousas máxicas e marabillosas. Pero hai profes que perciben que os nenos agora teñen unha capacidade menor para a atención, dise que pola influencia dos teléfonos e os medios dixitais, que ás veces están máis ao seu alcance do que deberían.
—Que vida lle augura aos Ratos?
—Eu xa miro para a xubilación e cando chegue non sei se seguirán ou non, xa se verá. Non se poden facer moitos plans a longo prazo, porque a vida depara sorpresas. Polo ben que funcionan, poderían seguir existindo, teñen unha función importante que cumprir, que é ofrecer unhas actividades que son divertidas, que transmiten valores, crean conciencia crítica e que teñen ao libro infantil por centro de referencia.
—Como ve o mundo do conto?
—Si atendemos a Galicia, hai unha oferta enorme de autores, de editoriais, de contos musicais. Hai unha produción moi grande de libro infantil en galego e industria prestixiosa...
—Pero?
—Tristemente, a pesar desa produción, os nenos e nenas teñen moita dificultade para entender o galego e percibo un retroceso na comprensión do idioma. Existen lugares en Galicia onde maioritariamente os nenos seguen falando en galego, pero moi poucos e, dende logo, na Coruña, como noutras cidades de Galicia, os nenos con capacidade de falalo son pouquísimos. Iso obrígamos nas actuacións a traducir bastantes palabras. Se dis agora «canto me saben os pexegos!», é como se lle estiveses falando en tailandés. A maioría non saben o que lle estás dicindo. Queda a consideración de cada quen se hai que manter o idioma. Eu son dos que penso que si, é un patrimonio cultural noso que debemos coidar e conservar, pero non todo o mundo pensa igual. Este conto é tamén unha ferramenta interesante para a difusión e promoción da lingua, porque os nenos van cantar as cancións.