Canuto Berea, máis ca unha rúa: o dono do primeiro Gran Almacén de Música e autor de «La Alfonsina» entra no Álbum de Galicia
A CORUÑA CIUDAD
O Consello da Cultura Galega recupera unha figura «fundamental» na difusión da música do país
27 nov 2024 . Actualizado a las 10:56 h.A moitos Canuto Berea só lles soa coma unha da calexas da rúa Real da Coruña, pero foi unha, figura «fundamental» na difusión da música galega. Tanto que o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de incluilo no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías da institución.
Canuto José Berea Rodríguez (A Coruña, 1836-1891) destacou «pola súa transcendencia nas esferas musical, social e política galega e do noroeste peninsular no século XIX», apunta o Consello, xa que, ademais de intérprete musical e compositor, «foi director, docente, axente teatral, editor, alcalde da Coruña e dono da primeira tenda de instrumentos musicais en Galicia».
A súa entrada no Álbum de Galicia, elaborada pola musicóloga Lorena López Cobas, inclúe unha escolma de material sonoro que procede do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG)
Descendente dunha familia «con forte presenza na cidade», destaca López Cobas na súa entrada biográfica, a súa carreira comezou coa interpretación musical. Destacou como violinista e pianista e pronto ampliou a súa actividade ao campo da composición, sendo autor de medio cento de obras. As súas pezas, como Un sospiro e La Alfonsina, foron populares no ámbito galego e «caracterizándose por se axustar aos gustos da burguesía local, especialmente en salóns e festas».
«Mais a súa influencia non quedou acoutada só á música», apunta, xa que a partir de 1866, ano en que casouo, a súa proxección social na cidade intensificouse, destacándose tamén na política e nos negocios. Entres os cargos que ocupou, foi alcalde da Coruña, presidente da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (coñecido na cidade popularmente como Circo de Artesáns) e membro de diversas entidades culturais e financeiras, como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando ou o Banco de España.
Como alcalde da Coruña, os meses que estivo no cargo, de agosto a decembro de 1889, concentráronse, sobre todo, «na mellora das infraestruturas culturais da cidade».
A súa tenda musical, Gran Almacén de Música de D. Canuto Berea, «converteuse nun referente a escala galega». Fundada na rúa Real da Coruña en 1856, no seu número 38, «este comercio foi relevante», incide a entrada do Álbum de Galicia, «na difusión da música e a impresión de partituras dentro do contexto local coruñés». Berea, ademais de ser un comerciante, traballou na organización de material educativo e na xestión de dereitos musicais, sendo intermediario entre compositores galegos e editoriais do estranxeiro.
«A súa contribución ao desenvolvemento da música galega chegou ata a creación de bandas e orfeóns», engade, cunha labor que abarcou todo o noroeste peninsular, facendo de Canuto José Berea alguén recoñecido e «capaz de influír en todo o noroeste peninsular». Este artista, empresario e político faleceu prematuramente dunha forte pulmonía, «pero a súa herdanza continúa a través das súas composicións e o legado da súa familia, que seguiu despois del coa actividade empresarial e musical, entre eles un descendente seu, o afamado músico Andrés Gaos Berea, que tamén goza dunha entrada no Álbum», apunta o CCG.
O Consello da Cultura presentou en xaneiro do 2020 o Álbum de Galicia coas biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos para «dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia», pero que. en moitos casos, «seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país».
A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 744 entradas, das cales as máis recentes son as de Antonio, Toñito, Blanco, Begoña Muñoz Saa, Benita Silva Hermo ou Suso Díaz. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.