O Simposio Luísa Villalta afonda en novembro na figura e na obra da autora das Letras 2024

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

Arquivo familiar / Real Academia Galega

A Real Academia Galega celebrará as xornadas dedicadas á autora das Letras Galegas 2024 do 19 ao 21 de novembro na Fundación Barrié

02 nov 2024 . Actualizado a las 12:30 h.

A Real Academia Galega continuará coa súa programación dedicada a Luísa Villalta este mes de novembro cunha cita destacada do 19 ao 21 de novembro na Coruña, a Cidade Alta da poeta, narradora, dramaturga e ensaísta. A institución celebrará o simposio arredor da vida e a obra da autora das Letras Galegas 2024 do 19 ao 21 de novembro na Fundación Barrié, cun completo programa que, ademais de relatorios e mesas redondas, incluirá unha actuación musical de Uxía e o espectáculo Indóciles

Baixo o título Simposio Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan  soa, o programa que coordinan as académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios da poeta Eva Veiga e o músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez, a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega e mais a tamén escritora Marga do Val como moderadora. A tarde rematará cunha intervención da fotógrafa Maribel Longueira arredor de Papagaio, o volume no que as súas instantáneas sobre o derrubamento do antigo barrio da prostitución coruñés dialogan cos versos da homenaxeada, na que se proxectarán as imaxes. 

O mércores 20 de novembro, na quenda de relatorios que presentará a académica Fina Casalderrey, a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta. A segunda xornada concluirá coa actuación musical de Uxía. 

O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio da homenaxeada, presentados pola académica correspondente Olivia Rodríguez. A tarde avanzará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra de Luísa Villalta protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador. Poralle o ramo ao simposio Indóciles, a proposta multidisciplinar de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas. 

O Simposio Luísa Villalta é unha iniciativa da Real Academia Galega organizada co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Todas as sesións poderán seguirse en directo dende academia.gal. 

Premios Contádenos o voso Día das Letras

A Real Academia Galega entregará o vindeiro martes, 22 de outubro, os premios do concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras de Luísa Villalta, convocado ao abeiro do proxecto Primavera das Letras, nun acto que terá lugar na Casa da Cultura de Sada. A institución premiou as contribucións protagonizadas polo alumnado de tres centros de ensino: o CEIP Sada y sus Contornos (Sada), do Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña) e mais do CEIP da Espiñeira-Aldán (Cangas).