Carmela Galego: «Son capaz de espertar con pesadelos se pasou algo cos relevos dunha igrexa»
A CORUÑA CIUDAD
Esta historiadora, vicepresidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, triunfa cos roteiros culturais que organiza pola cidade
08 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ser filla de gaiteiro imprime carácter. Carmela Galego (A Coruña, 1979), cultureta sen gafapasta que fai honra ao seu apelido de xeito incansable, dedícase a divulgar sobre o patrimonio da nosa cidade dende a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da que é vicepresidenta. No seu Instagram convida a poñer «o pote da cultura a ferver». Parece que esta fan de Panoramix caeu na «marmita» da cultura dende ben pequena.
—Quen lle inculcou a vostede a devoción pola cultura?
—A cultura sempre me entusiasmou. Tamén porque meu pai é o gaiteiro Raúl Galego. El daba clases de gaita por toda Galicia ou chamábano para tocar unha alborada non sei onde e eu ía con el. É mais, se quedaba logo comigo a mirar o monumento da zona.
—Foi el quen lle impregnou esa sensibilidade polo arte e a cultura galega dende o berce?
—Así é. Meu pai leva o arte tan dentro que lle sae por todos os poros da pel. Eu son bastante interdisciplinar, pero non hai nada que me encante máis que me inviten a un concerto na igrexa de Santiago, por exemplo. Estar nese espazo, fixándome nas figuras, nos relevos... De feito, esta mesma noite espertei cun pesadelo terrible: unha escavadora rompera uns relevos na igrexa [ri a gargalladas]. Ata ese punto.
—O plan favorito coas súas fillas é pasar a tarde do sábado xogando no museo.
—Iso facíamos cando eran máis pequenas. Ou por exemplo, para explicarlles a historia dos Reis Magos fomos un día a facer un pícnic urbano a Santa María do Campo, que ten unha epifanía.
—Útil ferramenta de ensino, a iconografía da arte.
—Claro, porque son contos en pedra.
—Este verán, no 90 aniversario do monumento a Curros Enríquez, recitou vostede o seu Pola unión en Méndez Núñez.
—Foi bonito. E xusto alí, no recheo dos xardíns, que se creou como espazo de lecer cultural. Aí nace o cinema, por exemplo.
En Alexandre Bóveda temos un compromiso coa cultura galega e coruñesa. Tratamos de por en valor figuras como a de Luísa Villalta, ata que se conseguiu que se lle adicase o Día das Letras. E por certo, xa estamos a piques de facer os 50 anos.
—Cando entrou vostede na agrupación que preside María Xosé Bravo?
—Eu entro en Alexandre Bóveda porque alguén se fixa en min cando estou dando clases no Fórum. Neste camiño, hai dúas mulleres importantes para min: María Xosé Bravo, unha mentora a quen eu idolatro, e Laura Cedrón, do IMCE, que sempre me apoiou. Entrei na agrupación no 2019 co proxecto «A Coruña das mulleres», por artigos meus sobre as mulleres na arquitectura.
—Sente que predica no deserto?
—Ás veces, si. É inevitable, sobre todo co tema da lingua. Aínda me pasa agora que me protestan por dirixirme en público en galego. Igual que son capaz de espertar con pesadelos se pasou algo cos relevos dunha igrexa, pensar en que sexamos nós as persoas responsables de que se perda o idioma dame ata vergoña. É o noso patrimonio e non vai vir ninguén máis a coidalo.
—Como ve o que está a pasar cos murais de Lugrís?
—Con impotencia. O día que empezaron a caer os cascotes no edificio tiñamos unha conferencia sobre María Antonia Dans. Eu fun a que avisou. Saín á ventá, vin o que estaba pasando e deseguido mandeille a Rodrigo Osorio o vídeo. Para min a deslocalización de calquera tipo de ben non é positivo. Ese edificio debería ser considerado patrimonial e preservar o mural.
«As miñas fillas son ‘groupis’ dan Tanxugueiras»
Di Carmela Galego que é «moi da Coruña. Podes saír de Monte Alto, pero Monte Alto non sae de ti. E a miña filla pequena sempre presume de que é a única nena do século XXI que naceu na Pescadería, porque o seu parto foi na casa, aquí en San Andrés». Falamos con ela moi pretiño, na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, un luminoso e amplo local cheo de libros no primeiro andar do Circo de Artesáns.
—Esta cidade ten moita historia.
—A Coruña é moi rica a nivel cultural. Fascíname, especialmente, o cambio morfolóxico que sufriu nos últimos douscentos anos. Por exemplo, a illa dos Xudeus desapareceu absolutamente do noso imaxinario e estaba entre a Casa do Mar e a boca do Fórum.
—O reguetón é cultura? Que lle deprime da cultura actual?
—Eu vivo nunha pequena illa. As miñas fillas son groupies das Tanxugueiras.
—Enganchadas á muiñeira.
—Si! Recordo un sábado de febreiro ter que ir ata Sada porque había un concurso de baile tradicional ao que querían ir elas [ri]. Non meu entorno si vexo un enganche coa cultura. Non hai protestas cando imos a un museo. Están moi afeitas. A decepción ven máis por como se programa que pola resposta do público. Entender a cultura só dende o punto de vista económico é un erro total. Noutros territorios hai unha aposta constante pola preservación das súas tradicións. A cultura é unha inversión que acaba revertendo no de aquí. Ti coidas unha vila como Redes e o que vas conseguir vai a ser unha permanencia a longo prazo.
—Ser un erudito cultural hoxe en día está infravalorado?
—Podemos vivir con menos complexos. Pero ás veces aínda me chaman pedante, ja, ja...!
—Que está lendo?
—Le coup de grâce, de Margarite Yourcenar [lévao no bolso], Syra Alonso e Diario 1921 de Castelao.
Quen é: Historiadora da Arte, maxisterio de Educación Física e profesora de Francés, Carmela Galego tamén é unha exitosa coordinadora de obradoiros e roteiros culturais no programa Lecer no Fórum e no Ágora, e na Alexandre Bóveda. Gusta de levar ás súas fillas a pasar a tarde nun museo e de explicar á xente as marabillas do noso rico patrimonio a través das moitas iniciativas que promoven na súa agrupación.