Xaquín Marín: «Síntome como se sente un pai co fillo que chega a figura»
A CORUÑA CIUDAD
O Gaspariño xa é oficialmente unha figura máis nos festexos de Viñetas desde o Atlántico
13 ago 2024 . Actualizado a las 14:51 h.A mañá do 13 de agosto, ás 13.00 horas, o Teatro Colón acollía a unha das personalidades máis destacadas no mundo da banda deseñada galega, Xaquín Marín. A súa presenza, en compañía da alcaldesa e Manel Cráneo, organizador desta nova edición, tiña como motivo a inauguración da escultura do mítico Gaspariño. Este neno, que en realidade xa cumpliu 50 anos, estréase este ano como unha figura máis das que adornan A Coruña durante o Salón do Cómic.
Entre os tres (Inés Rey, Manel Cráneo e o propio Xaquín Marín) botaban abaixo a gran tea branca que agochaba a Gaspariño, no recibidor do Colón. Tal e como lle confiou Cráneo a Marín, esta foi a escultura máis difícil que crearon até o momento, debido ó seu gran dinamismo. «E Superman?», preguntaba Marín. «Tamén, pero Superman está colgado. Ese sempre foi un colgado», bromeaba Cráneo. O autor de Gaspariño admiraba, curioso, o resultado da súa obra en mans de outro.
Gaspariño aparece correndo cun tiracroios no peto do pantalón, vermello e con remendos. Os cabelos louros sobresaen dunha boina negra, que resalta as súas meixelas coloradas, enmarcadas nunha face de pillabán. Os seus pés descalzos descansan sobre unha porción de herba artificial cunha ra ó seu carón.
Tras observalo dende todos os ángulos posibles, para tenrura dos asistentes, Marín asentía coa cabeza, tal e como o faría un pai orgulloso. Manel Cráneo compartía despois unhas palabras apreciativas con el, a quen lle dicía que era unha das figuras máis emblemáticas do panorama galego de banda deseñada. Xaquín, porén, amosouse tímido e discreto en todo momento.
«Agora síntome como se sente un pai co fillo que chega nada menos que a figura, como Cristiano Ronaldo», bromeaba Marín. «Estou moi contento, non acabo de crelo. Normalmente son de poucas emocións, pero das poucas que teño, esta é grande», dicía. Pese a que el creou a Gaspariño sen ter en mente a un público infantil, a audiencia acabou por situalo nese nicho de mercado. «Gaspariño é un neno de aldea, espelido, que comenta temas que interesan ós maiores, pero curiosamente clasificárono como libro infantil, o que non era a miña intención», confesou.