Dende hai 15 anos o lixo converteuse na cidade da Coruña en algo máis que residuos. O lixo converteuse en instrumento de presión e método de chantaxe para acadar beneficios que exceden con moito o ámbito laboral para un pequeno colectivo de persoas. A Coruña leva padecendo de xeito sistemático inundacións de lixo dende hai 15 anos, con 21 conflitos organizados desde un sindicato, conflitos que na maior parte dos casos acabaron coa cidade inundada de lixo. Sistemático é tamén o salvaxe vandalismo que acompaña invariablemente a cada presunta folga. Nesta ocasión son máis de 150 os contedores queimados, con incendios que afectaron a coches particulares estacionados nas rúas e tamén a fachadas de edificios, con incendios cerca de hospitais que puideron acabar en desgraza e polos que os coruñeses levamos pagado xa 400.000 euros para repoñer os danos. Anos atrás na cidade ardían camións ou acababan inservibles froito dun vandalismo salvaxe que buscaba un único obxectivo: amedrentar aos cidadáns e a quen goberna. Ceder permanentemente á chantaxe só serviu durante todos estes anos para afrontar ciclicamente novas chantaxes. Os cidadáns teñen que saber que hoxe non hai na Coruña nin un só traballador da concesionaria de recollida do lixo que estea secundando a folga. Teñen que saber tamén que aínda así, tampouco realizan o traballo como se esperaría que o fixeran. Teñen que saber que casualmente hai 68 persoas de baixa dun cadro de persoal de pouco máis de 200. Teñen que saber que os operarios da limpeza na Coruña perciben uns salarios que van desde os 29.000 ata os 38.000 euros ao ano e que non existe ningunha demanda laboral obxectiva que xustifique que ninguén poña en risco a saúde dos cidadáns co acúmulo de residuos nas rúas. Nada xustifica o inmenso dano que uns cantos están a inflixir a esta cidade. Mais os coruñeses teñen que saber tamén que esta será a última vez que van padecer semellante dano. Porque este Goberno xa está a tomar as medidas precisas mediante a declaración de emerxencia sanitaria para a prestación do servizo, porque este Goberno xa trasladou á Fiscalía os feitos acontecidos nesta cidade e agarda que a xustiza actúe co máximo rigor contra os responsables desta barbarie, e porque este Goberno esixirá á concesionaria da limpeza que actúe co máximo rigor, tamén no laboral, contra aqueles traballadores que sen secundar a folga tampouco fan o seu traballo. A Coruña precisa limpeza, si, mais non so do lixo que enche as rúas, precisa unha limpeza máis fonda e que nunca se levou a cabo até agora. Ninguén vai chantaxear a esta cidade con métodos mafiosos e violentos. Nunca máis. Ninguén volverá a prexudicar salvaxemente a case 250.000 persoas en beneficio propio. Ese é o meu compromiso. A Coruña sairá desta e volverá a ser unha cidade limpa. En todos os sentidos.