Rojo, da UD Ourense, rival hoxe do Bergan: «É un partido marcado en vermello, será entretido»

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

David Rojo celebra un gol durante su etapa en el Polvorín
David Rojo celebra un gol durante su etapa en el Polvorín ALBERTO LÓPEZ

O dianteiro de orixe ceense é unha das principais armas ofensivas dun dos maiores adversarios dos de Carballo polo ascenso

16 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Con profundas raíces en Cee, o de David Rojo (A Coruña, 2000) é un nome coñecido no fútbol galego dende hai moitos anos. Sobre todo pola súa excelente etapa en Abegondo, onde pasou por tódalas categorías de base e onde deixou rexistros como o de marcar 27 goles en 28 partidos de Liga Nacional xuvenil. Probou a Terceira co Silva, Paiosaco e Somozas, pero foi no Polvorín onde volveu despuntar, sendo un dos máximos goleadores. O ano pasado recaeu na UD Ourense e este ano, pese ao interese de moitos clubs, decidiu renovar.

—Un partidazo entre os dous favoritos?

—Dous dos favoritos, seguro. É un partido que seguro estaba marcado en vermello dende que comezou a tempada porque eles teñen unha gran plantilla e nós temos que estar aí. Ademais somos dous equipos que van ir buscarse arriba e que imos disputar o dominio do balón, así que vai ser un plan entretido para un sábado pola tarde.

—Condiciona moito o ter que xogar en artificial?

—Evidentemente, si. Pero para os dous. Oxalá o Couto estea listo canto antes. Aquí sabemos que vai haber moitas máis disputas e que son claves para levarse o partido.

—Houbo posibilidades de recalar no Bergan este verán?

—Houbo algunha conversación, pero hai moitas en verán. Ao final decidín que o mellor era quedar en Ourense porque o ano pasado acabamos moi ben e este ano tamén nos reforzamos ben. Ademais que aquí hai unha afección incrible e sentes moito ese apoio.

—Terás de rival a Alex Ramos, o teu mellor socio naquel ascenso co Polvorín.

—Temos moi boa relación dende aquela porque íamos xuntos para Lugo. É un privilexio ter un mediapunta así para un dianteiro porque che permite dúas ou tres ocasións por partido e así é máis fácil marcar. Pero xa lle dixen que non fora recibir moi atrás, que senón vai levar algunha patada.