Ricardo Cao: «Temos un 4,9 % de fondos menos que no 2009, non dá para pagar salarios»
A CORUÑA CIUDAD
O novo dirixente da Universidade da Coruña confía nunha fronte común dos reitores para mellorar o financiamento do sistema universitario galego
06 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Ricardo Cao Abad (Os Mallos, A Coruña, 1965) non lle gusta falar sin pensar nin ler con presa. Considera a afabilidade que practica a cotío «unha obriga» dos servidores públicos, incluidos os que se adican a ser mestres, unha faceta que xa está botando de menos porque, confesa, a docencia «apaixóame». Saúda dando as grazas polos parabéns —acaba de ser elixido reitor da Universidade da Coruña— e despídese con un «ó voso dispor». Así é o matemático que dirixirá os próximos seis anos a UDC, un eminente catedrático, Premio Nacional de Estatística 2023 e un dos investigadores máis reputados da contorna. Concibido na migración da Gran Bretaña, foi o primeiro universitario da súa familia máis estreita, vive preto de onde naceu, en Catro Camiños, ten na mesilla de noite algunha novela policíaca a carón do Ulises en galego, e non concibe unhna xuntanza familiar cos seus curmáns sen un remate cantando «os clásicos galegos». Apenas quince horas despois de saír elixido reitor, polos pasillos da Facultade de Informática, páranno as apertas e saúdos alegres de noraboa dos seus compañeiros .
—E agora, que? Cal vai a ser a súa primeira decisión?
—Estamos nun período de transición. A toma de posesión non será ata mediados de xaneiro, pero nestas semanas teremos que estar moi en contacto porque o que non pode ser é que a institución se resinta en absoluto por non traballar arreo. As primeiras medidas? En realidade están no programa eleitoral: iniciar o proceso participativo para mudar os estatutos, tal e como establece a LOSU (Lei Orgánica do Sistema Universitario), que non se puido acometer xa por mor de ter un Governo do Estado en funcións. Eso provocou que cousas tan importantes como o estatuto do persoal docente e investigador, que nunca foi aprobado de feito en España aínda que na época de Zapatero estivo a piques, se retrasara. Vai ser unha ferramenta que ogallá teñamos, alomenos o proxecto, en dous ou tres meses enriba da mesa. Vai a coincidir co inicio do noso periodo.Vaise acumular unha chea de traballo.Queremos establecer un proceso moi participativo, a nosa idea é que toda a comunidade universitaria teñamos a posibilidade de pronunciarnos sobre as grandes decisións. A LOSU en aspectos é moi concreta, pero noutros da grande liberdade. Na estrutura en particular da Universidade temos que tomar decisións. Evidentemente haberá grupos de traballo específicos en temas como dereito administrativo, pero as grandes ideas faranse de xeito moi participativo. Os estatutos van ser unha das nosas prioridades, e logo o desenvolvemento normativo doutras cousas que nos obriga a propia lei: as convocatorias dos concursos do profesorado, normativas académicas que van ter que cambiar… Dentro do noso programa levamos un aspecto moi importante. Fixemos un proceso de escoita amplo. En xuño-xullo tiven escoita estreita co reitor actual, cos anteriores reitores e e cos candidatos que se presentaran as eleccións, entre eles Navarrina, co presidente do Consello Social… Froito dese proceso de escoita tamén fun quen de conformar un marabilloso, se se me permite, equipo de persoas que me acompañaron nesta andaina e me acompañarán agora no goberno da Universidade cando tomemos posesión. Despois, esa escoita colectiva seguiu en setembro, outubro e novembro, e tamén tivemos as reunións xa preelectorais e de campaña. En total calculo que estiveron nesas reunións un milleiro de persoas, entre as vinte xuntanzas que tivemos de escoita e as outras vinte e tantas en precampaña e campaña. Creo que temos unha diagnose moi interesante dos asuntos que temos que cambiar na Universidade e de xeito inmediato.
—Por exemplo?
—Hai algún, como é a relación de postos de traballo, a RPT. Froito diso o que xurdiu con forza é que temos que facer algún cambios e nós apostamos por facer uns de xeito inminente, acordado e dialogado cos representantes dos traballadores. Hai que determinar cales son eses aspectos urxentes que hai que cambiar xa e acordar e fixar tamén un calendario doutros cambios cos contidos correspondentes para os seguintes meses e mesmo anos, porque algúns asuntos poden non ser tan urxentes, a acometer. Entón ese dialogo social e proceso de escoita querémolo manter durante todo o noso mandato e en especial para os cambios da RPT.
—Toca tamén falar da financiación.
—A lei establece e que dende agora ata o 2023, que é practicamente o tempo do mandato, seis anos, o financiamento das universidades públicas ten que chegar a ser o 1 % do PIB. Eso vai supoñer un aumento que temos que acordar, evidentemente, coas Administracións públicas, o Goberno coas comunidades autónomas e as comunidades coas universidades, para fixar como se vai a facer ese incremento.É moi importante, pero para nós aínda máis importante é ter aumentado o financiamento da parte estrutural do plan. Na campaña foi un clamor xeneral. No caso da UDC, o que chaman os expertos as transferencias correntes, que é o diñeiro que percibimos para afrontar os salarios, non chegan para afrontar todos os soldos do persoal docente e de administración e servizos, co cal víronse resentidas moitras outras cousas, coma o manteñemento dos edificios, entre outras. Para nós ese diálogo tense que facer o máis rápido e axilmente posible, evidentemente consensuado entre as tres universidades e a Xunta. Non como medida do primeiro día, pero si como traballo dende os primeiros momentos témolo que facer.
—Lémbrenos as cifras, non subiron nos últimos anos?
—Realmente o orzamento que tiñamos no 2009 era de 138 millón de euros correntes, en números redondos. Foi diminuíndo nos anos seguintes, aumentou o ano pasado ata algo máis de 140 e este ano con 20 máis. Pero aínda cos 168 millóns de orzamento este ano, se un quita a inflación é un 4,9 % menos que o que tiñamos no 2009. É especialmente importante porque tivemos certo grado de éxito en convocatorias competitivas que son conxunturais. A parte estructural do financiamento no 2009 chegaba con certa folgura para acometer os custos dos salarios e agora quédannos certos millóns de euros de diferencia negativa, non abonda. E eso é unha cousa que é o máis urxente para nós. Acometer ese aumento de finaciamento, pero moi especialmente de xeito que os custes estruturais realmente sexan cubertos polo plan.
—Ise é un problema compartido. Farán os reitores unha fronte común?
—Eu espero que si porque nos afecta a todas. É certo que dependendo do tamaño das universidades e doutros aspectos do plan non a todas nos afecta por igual. Seguramente a UDC é á que nos afecta máis. Pero neste momento eu creo que debe de haber un consenso desde as tres universidades de que este é un aspecto prioritario.
—Hai que negociar coa Xunta.
—Por suposto, dialogar e negociar.
—Con boas perspectivas?
—A min gústame moito dialogar, gústame moito escoitar e cando temos posturas que, obviamente, serán diferentes nalgúns aspectos, pois… falar, falar, falar e chegar a un acordo. Porque eso é o importante. A Xunta de Galicia ten a responsabilidade de facer un sistema universitario galego máis forte, máis competitivo e máis apoiando no tecido productivo. Aquí temos neste momento o gran proxecto da Cidade das TIC que é un exemplo de colaboración, neste caso da universidade, das Administracións e do tecido productivo. O TIC é un ámbito no que temos moita experiencia de colaboración. Os grupos de investigación, como os do Citic _e inclúome porque son tamén membro dese centro de investigación_, temos unha tradición longa de cooperación coa empresa. E o sector productivo TIC en Galicia é potente. De feito, que a Aesia (Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial) se implantara na Coruña un dos motivos foi tamén o ter un centro de investigación forte e un tecido productivo moi forte, concretamente na área da Coruña. É un exemplo bo de cooperación. A Xunta e o Concello da Coruña como administracións públicas, o Cluster TIC como agrupación das empresas, puxéronse a colaborar coa Universidade e a Universidade con elas facendo uso deses terreos que todos sabemos que estaban tamén deteriorados. Son boas prácticas. No ámbito concreto das TIC, o tecido productivo refórzase moito de ter o coñecemento, a creación do coñecemento, ao seu carón. En Galicia estamos no Noroeste de España, na periferia, e á súa vez, na periferia de Europa. Pero unha das cousas que para nós é un dos nosos fortes é que nestes ámbitos nos que non precisamos ter unhas comunicacións por carretera ou por avións, que evidentemente sería bo, tendo unha boa conexión por internet e unha comunidade moi cualificada facendo innovación, facendo investigación, podemos facer grandes cousas. E esa é unha das apostas que temos non só, evidentemente, no ámbito TIC. Estou poñendo o exemplo da Cidade das TIC, pero en xeral a nosa Universidade distínguese porque moitas das nosas titulacions son fortemente profesionalizantes, no ámbito das enxeñerías, no ámbito das ciencias da saúde, e tamén temos titulacións básicas, graos como Bioloxía, Quimica, pero tamén graos innovadores neses ambito: Nanociencia e Nanotecnoloxía, que están tendo unha grande implantación.
—Xa dixo o anterior reitor antes de marchar, Xulio Abalde, que a Cidade das TIC tamén precisa urxente financiamento para seguir avanzando.
—Hai moitos edificios que para remozalos, para remodelalos e facelos dispoñibles para o seu uso precisan fondos. Hai fondos comprometidos, outros en negociación ou por comprometer.. Dende a Universidade temos que ser un vehículo para que, sobre todo, se poidan acometer. Loxicamente co apoio financeiro das Administracións. E logo tamén das empresas.
— Vaise abrir o mapa de titulacións. Cales vai demandar a UDC?
—Insisto no que dixen en campaña o temos tamén no programa electoral. A Xunta anunciou que se vai abrir ese mapa. Evidentemente, eu imaxino que iso se vai facer despois das eleccións galegas. Poderá darse dentro de dous ou de seis meses, pero están á volta da esquina. No momento en que realmente se abra o mapa, para nós o que realmente é moi importante é coñecer que pensa a Xunta respecto a toda Galicia, o grado de liberdade que imos ter nas decisions dos títulos a implantar e, sobre todo, é moi importante coñecer a opinion de todos os centros. Temos 21 centros docentes na UDC, cada un coas súas especializacións e para nós é fundamental que todos eles participen no proceso. Evidentemente, hai exemplos bos que tivemos nos últimos anos: o grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, que foi un grao que veu a cubrir unha necesidade social, pero tamén o temos no grao de Intelixencia Artificial que se acaba de implantar, que ademáis é interuniversitario das tres universidades galegas… O grao en Ciencia e Enxeñería de Datos, que é propio e solo temos na UDC é outro bo exemplo. Temos tamén o de videoxogos e seguramente hai outros que entroncan ben co noso perfil, tanto tecnolóxico como en ciencias da saúde, e sendo sempre respetuosos cos centros docentes que temos na universidade, 21, e coa súa opinión, E se cadra tamén nalgún deles, tendo en conta os títulos que teñen actualmente, algún deles están tendo problemas, e tratando de arreglar ou mellorar eses problemas. Nas titulacións hai un aspecto tamén moi importante, e moitos dos nosos centros teñen aí un grande futuro: as microtitulacións ou microcredenciais. O Ministerio de Universidades, xa o anterior ministro, puxo enriba da mesa o compromiso do ministerio por a creación dun marco normativo para que titulacións de moi corta duración, digamos de formación continua, teñan o título oficial universitario en aspectos moi concretos. Vou poñer un exemplo. Ó mellor hai aspectos en IA nos que queremos millorar a competencia de traballadores do sector que sexa. Creo que eso para nós e tamén unha oportunidade. Porque tendo moitas titulacións con moi alto e moi boa incardinación no tecido productivo, e con números interesantes de incorporación nas empresas, pois seguramente que temos tamén cancha para detectar cales son eses títulos microcredenciais de interés para o que chamamos o aprendizaxe ao longo de toda a vida. E dicir, poñer titulacions atractivas para que se formen os profesionais, que xa é xente seguramente egresada dende hai alguns anos, que sexan atractivas para nós e que sexan atractivas para a sociedade, as dúas cousas.
—Acabamos de pasar unha pademia e A Coruña ten unha certa tradición sanitaria. Temos un complexo hospitalario de referencia, o Chuac, o Instituto de Investigación Biomédica (Inibic), o Citic con proxectos de investigación en saúde. Volverase a abrir o debate sobre unha nova facultade de Medicina en Galicia?
—O outro candidato nestas eleccións abriuno ao meu parecer dun xeito un pouco brusco. Para min... As oportunidades que temos na UDC precisamente na combinación das ciencias biomédicas coas TIC son tremendas. De feito, hai xa proxectos moi interesantes e algúns que se maduran e se van adiante van a selo tamén. Entón, o que temos é que ser moi proactivos nesa interacción entre as TIC e as ciencias da vida, a biomedicina en concreto. Con respecto á titulación, o que comentei na campaña e o sigo mantendo: temos que ter un diálogo franco co hospital, co Inibic, co complexo hospitalario, coas dúas consellerías, Educación e Sanidade, e determinar se o mellor para eso é ter realmente unha facultade de Medicina. A min dame a impresión de que o que é realmente importante é que o convenio que está asinado dende hai aproximadamente nove anos, porque se asinou cando era reitor Xosé Luis Armesto e eu tiven a honra de ser vicerrector de Investigación e Transferencia con el, é un convenio que contempla que as outras dúas universidades galegas, Vigo e A Coruña, colaboremos moi intensamente na docencia clinica, que é a docencia de medicina que acontece nos tres últimos cursos do grao, 4.º, 5.º e 6.º. Ese convenio aplicouse moi levemente e entendemos que o que é moi importante é que ese convenio permita dar extensivamente toda a docencia deses tres cursos nas otras dúas universidades.
—Como se fai agora con sexto de Medicina?
—Efectivamente. Faise moi ben, e o noso hospital é moi atractivo. É bo para todos, totalmente. Para nós ese é o punto de partida: temos que conseguir que ese convenio realmente se execute en todas as posibilidades que permitía cando se asinou. Que aínda así a conclusión final é que realmente temos que ter unha titulación de Medicina propia? Se todos os actores cremos que eso é o mellor, eu traballarei arreo para que así sexa. Pero o primeiro que temos que facer é conseguir que ese convenio se aplique en todo o que el prevía. Que teñamos prazas de profesores vinculadas, profesores de Universidade que estean dando docencia en cuarto, quinto e sexto. Témos algunhas, pero son contadas. Son recursos que temos e está moi ben que se utilicen en sexto, pero tamén nos outros cursos porque temos magníficos profesionais no noso ámbito sanitario da área da Coruña e Ferrol, que tamén compre non esquecer. A clínica universitaria podolóxica é un exemplo magnífico do que se pode facer, noutro âmbito das ciencias da saúde, non é medicina, pero onde se está a facer un traballo fantástico, a comunidade, os doentes do ámbito de Ferrol, están tendo unha atención fantástica nun aspecto, o podolóxico, que cada vez as persoas sufrimos máis.
—En todo caso, para novas titulacións buscarase consenso e a vía prioritaria será a tecnolóxica porque é a seña de identidade da UDC?
—Tecnolóxico e sanitario casan moi ben.
—As Universidades agora compiten por captar alumnos nun entorno con cada vez menos xente nova e cun mercado laboral que a miúdo ofrece ós egresados con máster, con sorte, un salario mínimo. Cree que están en condicións de gañar estudantes?
—Eu creo que si. E ademais danse circunstancias variopintas. Hai titulacions nas nas que non é que haxa pouco paro, é que non hai ningún. No ambito TIC eso especialmente. Por exemplo, o grao en Ciencia e Enxeñería de Datos, que coñezo ben porque son profesor nel e a primeira promoción saeu hai uns meses, é un exemplo. Eu atopábame á saida das manifestacións do 25N con dous recén titulados, unha rapaza e un rapaz aos que lle din aulas, e estaban xa traballando dende hai tempo. Son ámbitos nos que hai moita necesidade e en moitos sectores, porque o emprego dos titulados do sector TIC non necesariamente tén porque ser en empresas do sector TIC. Pode ser en aspectos totalmente distintos, empreas de ventas… Inditex, que témola ó noso carón, precisa de moita xente con formación tanto en informática, como en analise de datos. Porque agora para as empresas todo eso é fundamental, é o que lles da valor. Hai un pouco de todo. As titulacións sanitarias en xeral teñen moi boa incardinación no mercado laboral. Outras igual non tanto, igual por as tendencias neste momento. Temos que axudar tamén e reconvertir as titulacións que non teñan ese atractivo e mellorar as súas saídas profesionais.
—Ten dito que América Latina é unha das vías de captación.
—A América Latina é un dos lugares porque ademais temos relativamente bastantes estudantes no doutoramento que proveñen de alí. No mesmo grupo de investigación que coordino xa perdo a conta de cantos estudantes de doutoramento con teses, neste caso de estatistica e investigacion operativa, son procedentes de Ecuador, México, de Arxentina, de Chile… seguramente quédame algún que outro país. Entendemos que no mestrado tamén está ocorrendo. Son profesor do mestrado de Bioinformática para as Ciencias da Saúde onde a maioria dos que entran son de fóra de Galicia, de moitas comunidades españolas e tamén hai un número tódolos anos, non a maioría, de Latinoamérica. Nos graos acontece menos, pero cremos que temos tamén que afondar niso, publicitar os nosos graos aínda maís e conseguir que veñán facer un grao completo, porque mobilidade haina, veñen un cuatrimestre.. E ademáis, estando como estamos inmersos nunha crise demográfica que especialmente afecta a Galicia, penso que tamén é axeitado a incorporación de xente nova que veña estudar e que logo algún deles asentarase aquí tamén. Eu boto en falta que haxa unha política a nivel autonómico clara sobre estes aspectos, a demografía temos a que temos, pero eso podemos axudar a melloralo cunha política adecuada e axeitada de inmigración, que ademais é unha ferramenta de desenvolvemento e solidariedade con outros países. Con algúns deles temos lazos culturais fantásticos e non só en América, tamén noutros continentes, sobre todo no que chamaríamos a lusofonía: países de fala portuguesa, que xa non están necesariamente todos en América. Hai exemplos moi concretos, como Cabo Verde. Tivemos tamén unha serie de persoas que viñeron para traballar na pesca e témolos ademais moi integrados na comunidade, neste caso na costa norte de Lugo. Poño o exemplo para dicir que realmente podemos ter un aporte importante de persoas, de recursos humanos, que veñan a paliar un pouco o problema que temos coa demografía e ademáis levando a cabo xa profesións de maior alto valor engadido. Os fillos deses pescadores van a ir a Universidade. O outro día, con motivo da campaña, tiven o pracer de atoparme cun rapaz que está facendo o dobre grado en Dereito e ADE que é senegalés. É fantástico ver as cousas que el falaba, e ademaís xa ten aquí parella e seguramente será unha familia que se implante aquí en Galicia e que nos axude a combatir tamén aspectos da demografía tan baixa, con tan poucos novos nacementos en Galicia. Eu boto un pouquiño en falta que haxa un política autonómica máis clara nese sentido e as universidades, modestamente, podemos axudar tamén a iso.
—A captación tamén é importante para un dos seus ámbitos, a investigación.
—A investigación á absolutamente fundamental. Cambiaron as cousas moito nos últimos anos, algunhas delas para ben, para moito ben. Temos que continuar co que xa se estivo a facer coa captacion de proxectos europeos, moi especialmente cos do Consello Europeo de Investigación. Cando fun vicerrector de investigación hai oito anos foi cando se acadou o primeiro de este tipo, son proxectos de millón, millón e medio, dous millóns de euros. Por certo foi sobre tecnoloxías e saúde, sobre a modelización en crecemento tumoral. Neste momento, coa última concesion hai cousa de 10 días, xa é o sexto proxecto deste estilo, o cual é moi importante para nós como Universidade. Foi o proxecto de Daniel Martín sobre un tema apaixoante, bioimpresion de órganos 3D, de cousas que logo terán que ter o seu percorrido biolóxico para poder acadar un sono da humanidade: poder facer órganos e axudar ás persoas que precisan trasplantes. Neste tipo de cousas temos que coidar o que se fixo ben, a captación de fondos europeos, tamén a incorporación de persoal, porque non todas, pero moitas personas poden vir de fóra. Dos seis proxectos, tres deles foron conseguidos por persoas que xa estaban anteriormente na UDC e os outros tres son persoas que se incorporaron logo precisamente como froito do programa Intalent, un programa que, hai que agradecer tamén, foi financiado importantemtente pola empresa Inditex, e tamén por o programa Berce, propio da UDC. E non só estes proxectos que son como os máis relumbrosos, senón tamén na captacion de investigadores Ramón y Cajal. Onde tiñamos unha incorporación de un ou dous cada ano, no último foron oito. E agora mesmo chegamos a preto de 30. Son cousas que se fixeron ben. Temos que seguir niso e unha das cousas que a min me preocupan mais, e foi tamén unha constante no proceso de escoita, é a axilización dos procesos de xestión. Os propios proxectos e a súa xustificacón económica, especialmente os europeos, son moi farragosos. A propia xestión na universidade é farragosa en si mesma. Entón, unha das cousas que temos que facer de novo de xeito dialogado e poñendo a funcionar grupos de traballo que incorporen a todos os axentes de cada proceso de xestión, é determinar onde temos os cuellos de botella e ver como resolvemos. Que os procesos de xestión sexan máis áxiles e mais rápidos e non tan farragosos porque ás veces crean frustración dentro do propio persoal. Tamén dentro dos PAS (Persoal de Administración e Servizos), porque temos que evitar as duplicidades. Os PAS están a facer unha fantástica labor, pero moitas veces non ben organizada. Esas cousas, que son cuestións propias da universidade, témolas que organizar moito mellor. Traballo hai arreo, pero tamén é mo ilusionante.
—Foi esa ilusión o que lle levou a decidir presentarse a reitor? Q lle impulsou a dar o paso?
—Primeiro que houbo moita xente que me animou. Hai case un ano, nove ou dez meses. Logo penseino moito. Faleino coa xente do meu entorno. Eu son coordinador dun grupo grande, metido en moitos proxectos, falei con eles para contar co seu apoio, porque dende o momento de ser elexido a miña dedicación á docencia, lamentablemente porque me apaixona, vai ser cero. E á investigacion, baixísima, vou poder adicarlle os fins de semana un ratiño se cadra. Para min foi importante a resposta deles, moi positiva, e moi especialmente a dos estudantes do doutoramento. Estou dirixindo catro teses, afortunadamente codirixidas con outros colegas. Foi moi importante o apoio deses colegas porque non quixera eu que se resentira o desenvolvemento das teses. E despois está que tiña moito traballo e un traballo apaixoante, pero sempre crein na célebre frase de Nelson Mandela, que a educación é a ferramenta máis poderosa que temos para cambiar o mundo. E dentro dela, a universitaria é unha ferramenta moi potente para o benestar social. Eu síntome moi afortunado de poder terme desenvolvido como docente, como investigador e tamén como persoa gracias á UDC, coa que levo vinculado xa 32 anos. Moveume tamén devolverlle á UDC en parte esa situacion afortunada, adicando unha parte importantisima destes seis anos en labores de organización e xestión.
—Este é o seu único posicionamiento público máis aló da presenza nas listas das municipais do 2019 coa Marea.
—Si, fun nas listas cando concurriu Xulio Ferreiro por segunda vez. Antes tiven cargos de xestión na Axencia Nacional de Evaluación e Prospectiva, que foi un pouco o antecendente da actual Axencia Estatal de Investigación, levei tamén a área de matemática,,, pero bueno, son postos de xestión.
—É do grupo Nova Luce, o mesmo que o anterior reitor. Haberá cousas ás que lle dará continuidade e cousas que non?
—Puxen exemplos, hai aspectos de xestión que temos que melloralos. A participación tamén, que é unha cousa que a propia covid aplanou e temos que mellorar, como fixemos cos procesos de escoita nas eleccións.Temos que ter un diálogo social permanente cos traballadores a respecto de como melllorar as súas condicions e facer máis eficientes os seus procesos, que os traballadores estean máis a gusto e facer os procesos máis áxiles. E tamén xurdidon con moita forza dúas ideas no proceso de escoita que asumimos dende o principio como nosos: a humanización da universidade, da normativa, máis sinxela, que os estudantes non estean perdidos, facela mais visible na web, máis fácil de entender con pequenas guías que vaian ao gran; e tamén a humanización dos espazos, do lugar onde pasamos unha gran parte do noso tempo de traballo, de estudo e de lecer ás veces, que tamén temos instalacións deportivas onde non só a comunidade universitaria, senon toda a cidadanía desenvolve parte do seu lecer. Para iso precisamos acometer tamén melloras nos propios edificios nos que estamos, que xa van tendo anos. Temos pingas, goteiras, e nunha parte deles hai importantes obras que acometer. Para eso é importante o financiamento. Os cartos son fundamentais. A humanización xurdiu con moita forza, máis tamén a equidade, a igualdade, a atención á diversidade… En suma, os obxectivos de desenvolvemento sustentable, que son 17: o benestar, a educación de calidade, a xustiza… E ahí o benestar e a atención á saúde. Xurdiron cousas concretas como a saúde mental, o apoio psicoloxico na universidade. Xa temos un proxecto interesante, que se chama Afrontemos, que da apoio psicolóxico a toda a comunidade, pero moi especialmente usado por os estudantes. Neste momento dase atención presencial no campus de Ferrol. A nosa aposta é intensificar e non só dar teleasistencia ós da Coruña, senon implantalo tamén físicamente. E unha cousa que está moi ben, pero hai que melloralo. Hai cousas que se fixeron moi ben e que hai que coidar, Por exemplo, o campus industrial en Ferrol. Foi unha iniciativa propiciada pola Xunta, e hai que agradecelo, con unha resposta fantástica dentro da universidade e con moi alta avaliación por os auditores que viñeron a velo. En dentro do campus industrial un elemento moi concreto: o centro mixto de investigación entre Navantia e a UDC. Creouse como o que se chamaba unidade mixta de investigación hai nove anos. Pasou por varios períodos e dende hai ano e medio é un centro mixto de investigación donde a empresa Navantia aporta unha parte importante de fondos, a UDC unha pequena parte e Axencia Galega de Innovación, outra. Hai que camiñar ainda máis nesa dirección que é moi positiva, que fai que as empresas, neste caso unha publica, teñan aínda un maior compoñente de innovación gracias á Universidade.
—Con todo isto, a UDC pegará un xiro máis cara a esquerda?
—É posible que si. Un xiro cara as persoas. Pero si, seguramente que si. Facer unha universidade por e para as persoas. A mellor universidade posible, sendo conscientes das nosas limitacions, pero a mellor universidade posible por e para as persoas. Eso para min é un resumo. Á esquerda? Pois seguramente que si. Abalde tamén era de Nova Luce, que é unha plataforma progresista moi plural e gustaríame resaltalo. No meu equipo hai persoas que non pertenecen formalmente, pero que teñen en común unha defensa a ultranza da universidade pública e que ademais o teñen amosado e o amosan co seu labor previo, dentro e fóra da UDC.