Bieito Romero: «Despois de 37 anos, queriamos facer algo diferente, non soamente música»

f. M. / A. L. B. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Bieito Romero, en el centro, presentó el libro-disco  Encrucillada  en la Feria del Libro de A Coruña.
Bieito Romero, en el centro, presentó el libro-disco Encrucillada en la Feria del Libro de A Coruña. ALBA IGLESIAS

O grupo galego Luar na Lubre presentou este luns, na Feira do Libro da Coruña, o seu vixésimo traballo

08 ago 2023 . Actualizado a las 08:38 h.

Tras 37 anos de actividade, o grupo galego Luar na Lubre presentou este luns, na Feira do Libro da Coruña, o seu vixésimo traballo. Bieito Romero, membro fundador da banda e encargado de presentar o proxecto, pasouse polos micrófonos do programa Voces de A Coruña, en Radio Voz, para falar deste novo libro-disco, que leva por título Encrucillada.

—Como definiría este proxecto, esta encrucillada?

—É o noso traballo número 20 despois de case catro décadas de traxectoria na música. Ao ser un número redondo, 20 traballos discográficos editados, queriamos facer algo diferente, non soamente música. O libro, que tamén inclúe unha recompilación musical, consta dunhas 200 páxinas onde facemos unha cronoloxía, resumida con fotografías de concertos, recortes de prensa... da nosa traxectoria dende os comezos. Tamén aparecen unha serie de textos de máis de 50 personalidades vencelladas a nós que foron os que escribiron uns pequenos textos relacionados co grupo e as súas vivencias con Luar na Lubre. É a nosa historia resumida destes 37 anos.

—Como se fai unha recompilación cando un ten a mochila chea?

—Precisamente ao ter tantas opcións é máis doado porque tes moito onde escoller. Quixemos facer unha recompilación de cancións que non son as máis coñecidas do grupo pero si son significativas para a nosa traxectoria. Collemos esas cancións, respectando a súa estrutura orixinal, e anovámolas coa formación actual. Practicamente son temas novos ou cancións antigas actualizadas. Amais hai moitas colaboracións, unha encrucillada é un cruce de dous ou máis camiños e neste traballo crúzanse camiños de vida, xente que pasou polo grupo e volve a colaborar con nós para este traballo especial.

—Como foron eses reencontros?

—Os reencontros foron bos porque nunca se perdeu o fío de contacto con todas e todos eles. Hai colaboracións con xente que xa non está no grupo pero forma parte das nosas amizades e outros aos que admiramos. Foron marabillosos, foi moi emotivo. Ao non perderse nunca a relación sempre é unha ledicia poder traballar conxuntamente de novo e facer cousas deste tipo.