Gerard, de Cataluña: «Que bonito coñecer A Coruña nun día coma hoxe, das Letras Galegas»

M. M.

A CORUÑA CIUDAD

O Concello súmase aos actos de celebración lendo as pasaxes do título «A Coruña sentimental»

17 may 2023 . Actualizado a las 16:16 h.

«Lembramos, entre néboas memorativas, a impresión que nos produciu A Coruña cando por vez primeira nos achegamos a ela». Estas primeiras palabras do libro A Coruña sentimental, de Francisco Fernández del Riego, foron as escollidas pola alcaldesa, Inés Rey, para a súa intervención no acto conmemorativo organizado polo Concello nos xardíns de Méndez Núñez. Precisamente, este mércores, 17 de maio, na cidade que tanto impresionou ao fundador da Editorial Galaxia brillaba con especial insistencia o sol. O astro rei tamén se quixo sumar á festa do  Día das Letras Galegas.

Entre bailes e cantos de grupos como Cantigas da Terra, nenos que xogaban nos parques dos xardíns aproveitando o día non lectivo e os manifestantes da marcha convocada en defensa do galego ao outro lado da rúa, nos Cantóns, os políticos do consistorio coruñés, tanto os do goberno local, como algúns da oposición, non quixeron perder a oportunidade de aportar o seu gran de area a esta xornada. Para iso, escolleron diferentes capítulos do texto de don Paco, como así era coñecido o escritor, o autor homenaxeado neste 2023

Atentos, escoitaban as pasaxes lidas en voz alta tanto veciños como visitantes. «Que bonito coñecer A Coruña nun día coma hoxe, das Letras Galegas. Son Gerard Estévez, vimos de Cataluña. Quixemos rematar aquí o Camiño de Santiago. Onte fomos camiñando ata Fisterra, a última parada, pero non quixemos irnos de volta de coñecer a cidade, e hoxe é un día especialmente bonito, temos que coidar as nosas linguas», defendeu o peregrino catalán, facendo esforzos por expresarse na lingua de don Paco e tamén na de seus pais, orixinais dunha vila de Ourense. 

«É un día especial para min desde hai anos. E moi alegre, así o temos que vivir», defendeu Hermitas, de 74 anos, 24 deles cantando no coro centenario de Cántigas da Terra, unha das formacións que participan da festa do 17 de maio na Coruña. Na cidade cantaron hoxe pezas como Mariñeiro de Caión e, por suposto, o himno, Os Pinos. Aturuxo, Donaire e Son D'Aquí foron outras das agrupacións folclóricas presentes nun día cheo de actividades, tanto de artesanía, música, bailes tradicionais ou poesía, e no que tamén hai tempo para a literatura co faladoiro A Coruña literaria, ás 18.00 horas nos xardíns.