Juan Galán: «No franquismo había máis dun xornalista confidente da Policía»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Juan Galán, autor de 'Las tribulaciones de Bruno Lamas'
Juan Galán, autor de 'Las tribulaciones de Bruno Lamas' JOSE PARDO

O autor da novela 'Las tribulaciones de Bruno Lamas' celebra hoxe a súa presentación na Central Librera da rúa Dolores, en Ferrol

04 may 2023 . Actualizado a las 14:05 h.

A Coruña, 1970: policías, xornalistas e prostitutas. Insuperable entorno para un thriller como Las tribulaciones de Bruno Lamas (Círculo Rojo). A última obra de Juan Galán, veciño de Ares e profesor de inglés durante anos na Escola de Idiomas de Ferrol, engancha tanto que se le dun tirón. Hoxe preséntase ás 19.30 horas na Central Librera da rúa Dolores.

—Vostede resístese a calificar esta novela como policiaca.

—Non é unha novela negra cun detective, pero si que hai un asasinato e unha investigación. Trátase dunha trama política co franquismo de fondo, co relato principal sobre a degradación do xornalista Bruno Lamas. É un confidente da Brigada Político Social, nunha trama de corrupción moral e cunha investigación sobre o naufraxio do Santa Isabel en Sálvora (1921). Hai un expedente no Arquivo Municipal da Coruña que confirma que as heroinas salvaron a moita xente do Santa Isabel, pero tamén hai unha carta con maledicencias acusando a esas mulleres de roubar as xoias dos mortos. 

 —Estamos ante un antiheroe?

—Nas miñas anteriores novelas tiña o heroe clásico con características positivas. Pero para enfrontarse á policía quería un heroe máis poliédrico: é machista, mentireiro.

—Nótase o seu machismo.

—Aínda existen micromachismos agora. Cando Bruno fala das prostitutas usa adxectivos despectivos, ten a idea de que un home pode namorar a calquera muller. É un fachendoso.

—Vostede é investigador da Memoria Republicana de Galicia.

—E estou investigando o caso dun soldado republicano. Pero ata agora teño a obsesión de abordar a memoria histórica desde a ficción. Documenteime sobre a Brigada Político Social, no libro falo de Roberto Conesa. E eses anos son moi interesantes polas manifestacións estudiantís e obreiras.

—No xornalismo da época había confidentes da Policía?

—Si que é certo, as prostitutas eran confidentes no franquismo e máis dun xornalista tamén era confidente. Tamén quixen reflexar un mundo onde o redactor xefe era un senvergoña.

—O autor dun thriller tamén ten que facer de detective?

—Documenteime moito, tamén sobre clubes de alterne. Por exemplo sobre o Astoria, que agora é un bar de copas, ou os da rúa Florida. Tamén hai toques xornalísticos, ás veces uso nas miñas novelas o xénero da reportaxe. E o xornalismo non deixa de ser outro tipo de literatura.

—Esta novela é un tango polo uso dos arrabaldes ou é cinema negro dos 70?

—Máis ben segue as pegadas do Camilo José Cela máis irreverente (A Cruz de San Andrés) ou das novelas de cañerías de Bukowski (o famoso underground).

 —Se lle pregunto por Ferrol?

—Son da Coruña, pero teño con ela unha relación de amor-odio. Estou feliz en Ferrolterra, un lugar fantástico.