Vivir e morrer pola causa

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

A CORUÑA CIUDAD

24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Así se titula o libro de Carlos Portomeñe Pérez (Galaxia, 2022), Vivir e morrer pola causa, que é a biografía do dirixente comunista José Gómez Gayoso (Maceda, 1910-A Coruña, 1948). Era o responsable do Partido en Galicia no tempo en que o seu camarada Antonio Seoane era o responsable da guerrilla. Os dous foron executados na prisión da Coruña o 6 de novembro de 1948. O autor conta polo miúdo como foi a caída, a detención, o xuízo e os días nos que os detidos foron torturados con asañamento.

Verbo da tortura, é imposible non reparar nunha carta de Gómez Gayoso a un familiar na que, despois de contarlle que fora ferido moi gravemente, o día da caída, ao fuxir, aclara: «Después de trece días en el hospital, todavía a medio curar, me llevaron al cuartel de la Guardia Civil, donde empezaron los llamados interrogatorios. No vale la pena relatar lo que con nosotros han hecho... Yo estoy casi convertido en un esqueleto [...] Tengo el intestino destrozado y durante varios días escupía sangre negra. Las manos, todavía no me puedo liar un cigarrillo... En fin, esto es el fascismo» (6-9-1948).

Nun apéndice, Carlos Portomeñe recolle unha chea de cartas a distintos destinatarios escritas desde a prisión nas que ofrece datos significativos sobre os doce procesados, entre eles catro mulleres (María Blázquez, Clementina Gallego, Carmen Orozco e Josefina González Cudeiro). Eu cheguei a coñecer e tratar a Josefina, á que sempre se lle ensombrecía a cara cando alguén lle preguntaba polas sesións de tortura. Ela, compañeira e camarada de Seoane, entendía que o seu combate continuaba a loita en defensa da Segunda República. Oíndoa falar, calquera percibía as circunstancias pavorosas nas que aqueles loitadores e loitadoras asumiron a responsabilidade de seguiren loitando, pois sabían que non era improbable que pasasen experiencias máis terribles cás da morte.

O libro de Carlos Portomeñe benefíciase de varios anos de investigación nos arquivos e na prensa, pero tamén do fondo documental que lle legou José Gómez Abad, fillo do protagonista. O libro está á altura da riquísima documentación no relato e na pedagoxía.