A Coruña: deporte sen cabeza

Francisco Jorquera TRIBUNA ABERTA

A CORUÑA CIUDAD

Fernando Pérez (izquierda), con Mónica Martínez y Alfonso Hermida
Fernando Pérez (izquierda), con Mónica Martínez y Alfonso Hermida

A dimisión do xefe de servizo de Deportes do Concello da Coruña é o enésimo capítulo dun serial que fai que o deporte da nosa cidade

18 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A dimisión do xefe de servizo de Deportes do Concello da Coruña é o enésimo capítulo dun serial que fai que o deporte da nosa cidade, no que ao Concello se refire, estea descabezado.

Recapitulemos: Inés Rey nomeou, primeiro, concelleiro- delegado de Deportes a Juan Ignacio Borrego, que exerceu as súas funcións durante apenas só ano e medio, pois en setembro de 2020 a alcaldesa incorporou ao goberno local a Mónica Martínez para que fose a nova titular da área.

Así foi até que, o pasado mes de decembro, Mónica Martínez presenta a súa renuncia, tras ser anulado o seu nomeamento por unha sentenza xudicial que confirmaba que «unha concelleira non adscrita non pode ter responsabilidades de goberno nin percibir un salario superior ao que tería de non ter abandonado o grupo co que se presentara ás eleccións».

Mónica Martínez, cómpre lembralo, fora cabeza de lista de Ciudadanos nas eleccións para despois abandonar esta formación. Pero, ademais, á renuncia de Mónica Martínez sucedeulle a dimisión do director de área e agora do xefe de servizo de Deportes.

Froito disto, e como xa acontecera con Cultura, a área de Deportes pasou a depender directamente da Alcaldía, o que significa que a efectos prácticos ficou descabezada.

Esa falta de dirección real fai que a estas alturas, na recta final do mandato, non saibamos que vai pasar cos distintos proxectos en marcha ou que vai acontecer, mesmo, con eventos deportivos que estaban previstos e cuxa celebración fica agora na incerteza. E o problema é que moitos deportistas e clubes salientan que as instalacións deportivas da nosa cidade son insuficientes e moitas están obsoletas e que neste mandato non se acometeron investimentos que resolvesen estas carencias.

En definitiva, A Coruña non merece que o deporte, unha actividade tan importante para a saúde física e mental e que reúne a tantas persoas na nosa cidade, estea sen cabeza.