Mangüi, sempre en nós

Xurxo Souto A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

Ultimamente pouco soou o seu baixo. Estaba dedicado a tempo completo á atención da familia

15 ene 2023 . Actualizado a las 13:26 h.

Mangüi Martín, todo amor e un músico extraordinario. No seu caso ambas facetas estaban intimamente relacionadas. O mediocre sempre che lembra que non tes nin idea e constantemente fai exhibición de saber. O músico grande é humilde e sempre estás aprendendo ao seu lado. Ese era o lugar de Mangüi.

Fíxose perito en harmonías á hora da merenda. Despois do instituto, Agra do Orzán, ía á casa dun compañeiro, Gastón Rodríguez. Mentres outros facían os deberes, Gastón escribía arranxos para os Satélites (o seu pai era o director desta orquestra) e iniciaba a Mangüi nos acordes de novena aumentada.

De natural roqueiro —alimentado con estes bocadillos de jazz e bossa nova—, falábame decote doutro mestre: Papiri, un virtuosos do bolero que amañaba radios na avenida de Hércules.

Así xurdiu ese baixo camaleónico: Quizá haxa algún músico na Coruña que nunca tocase con el. Dubídoo. Os nomes dos seus grupos exceden con moito o número de caracteres deste texto.

Coñecino camiño de Lorient, Bretaña. Mangüi era o baixista de Luar na Lubre. Vivín despois a felicidade ao seu lado cos Diplomáticos de Monte-Alto. A súa liberdade foi impulso do noso bravú. As horas de furgoneta convertíanse en amenas sesións, onde, sempre con humor, nos ilustraba coa súa erudición enciclopédica.

Nunca lle interesou a composición. Mais en Llangréu, tivémolo encerrado nunha habitación até que fixo unha peza: Mesejo. A aventura do fisterrán que, en Mozambique, grazas á lingua galega salvou a vida de toda a tripulación.

Ultimamente pouco soou o seu baixo. Estaba dedicado a tempo completo á atención da familia. Mais secuestrámolo algún día coa banda Xangai. Hai un mes volvín sentir a felicidade. Foi no Garufa, na festa coruñenta. Cantou Mesejo, noite marabillosa. Non sabiamos que era a súa derradeira actuación.

Grazas por tanto talento e tanto amor. Mangüi, sempre en nós !