BERNARDO CODESIDO

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia cóntanos que o tenente xeneral sir Jonh Moore foi alcanzado ás cinco da tarde do día 16 de xaneiro de 1809 por un obús de canón na batalla de Elviña, durante a defensa de A Coruña contra os franceses, e catro horas máis tarde morría na casa do industrial señor Fontenla, onde fora acollido de urxencia.

Durante esas catro horas de dolorosa agonía tivo tempo de facer testamento, agradecer a lealdade dos seus colaboradores, entre os que estaba o xeneral español Pedro Cano, marqués de La Romana, pronunciando esas palabras que se conservan gravadas en mármore: «Españois, dedicádevos a imitar ós inimitables galegos». Pero sobre todo, encargoulle ó axuda de campo, irmán da súa suposta moza, lady Esther Stanhope, que lle levase uns «recordos moi especiais».

Tamén conta a historia que á unha da madrugada sir Jonh Moore foi enterrado na clandestinidade e despoxado de efectos persoais, como a súa banda de xeneral, o sable e o reloxo, para que o seu cadáver non fose profanado polos franceses, nunha tumba improvisada e cuberta con musgo, de onde uns anos máis tarde o sacaría o marqués de La Romana para depositalo nos xardíns de San Carlos.

Tamén conta a historia que a namorada, herdeira dunha pequena fortuna, para combater o desconsolo emprendeu unha viaxe na que, nunha primeira escala, chegou a Grecia, onde lord Byron (e isto xa é lenda) en canto soubo da súa arribada botouse ó mar para ser o primeiro en saudala.

Contan os biógrafos que a lady percorreu todo Oriente Medio vestida de beduíno, encabezando unha caravana de máis de vinte camelos e con unha garda especial e ben uniformada que lle valeu o alcume de Raíña Branca de Palmira, cidade á que chegou a finais de marzo do 1813. Hai quen a considera a primeira muller arqueóloga en Oriente Medio, pero realmente, ó que ía era á caza de tesouros que reparasen a mala economía da súa casa e a excesiva dilapidación da herdanza que recibira do seu tío. Pero a falta de logros crematísticos e a ruína económica na que se viu, obrigouna a retirarse e vivir practicamente na soidade ata a súa morte en 1839.

E agora vén a lenda que recolle don Leandro Carré Alvarellos, pero que xa Murguía relatara con romántica prosa en 1860, asegurando que a namorada lady Stanhope, dende o ano 1840, acode cada 16 de xaneiro a visitar a tumba do seu namorado.

Murguía descríbenola como unha muller moi alta e dunha beleza que permanece imperturbable a través dos anos, esvelta, de ollos azuis, o rostro branco e louros rizos acariñando a súa fronte, quen aparece camiñando, solitaria e silenciosa, polos xardíns de San Carlos. Vestida de veludo negro axeónllase diante da tumba do xeneral para lamentar a súa ausencia con namoradas palabras recollidas polo Patriarca: «Xan, Xan, tantos anos e aínda te amo. Nunca crin que a dor me deixase vivir tanto».

Sen embargo eu, que acostumo a pasear por este xardín con frecuencia, nunca tiven o pracer de encontrarme coa lady. Pero aí está acreditada a súa presenza por voces tan principais como a de don Manuel Murguía, o que nos fai pensar que contra a morte venceu ese amor que, nunca mellor dito, será eterno.

É o bo que teñen as lendas.