Ana Romero, unha das artífices da escavación do castro de Borneiro, nova académica correspondente da RAG

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

ana
RAG

A investigadora é un referente no estudo da historia da cidade da Coruña e dos seus movementos liberais e republicanos

15 oct 2022 . Actualizado a las 14:34 h.

A historiadora Ana Romero Masiá (Santiago de Compostela, 1952) foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) no pleno ordinario da institución celebrado o venres. A nova académica correspondente é un referente no estudo da historia da cidade da Coruña e dos seus movementos liberais e republicanos, e conta tamén con destacados traballos sobre os castros e a cultura castrexa e mais sobre educadoras como María Barbeito e Mercedes Tella.

Segundo destacaron na proposta sometida a votación, Ana Romero Masiá é «exemplo, en toda a súa actividade, de compromiso coa lingua e a cultura galegas e coa súa promoción, nomeadamente no referente á historia de Galicia». Licenciada en Filosofía e Letras, Sección de Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), é autora de máis de 40 publicacións individuais e máis de 60 en coautoría que achegan novos datos á historia de Galicia en distintos momentos.

Currículo e traxectoria

Foi directora das escavacións arqueolóxicas do castro de Borneiro entre 1980 e 1989. Na actualidade, é directora de publicacións e membro numeraria do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses e secretaria da sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC. Ademais, «ten colaborado coa RAG en numerosas ocasións», apuntan desde a academia

A súa tese de doutoramento, dedicada á figura do líder sindical do tabaco Severino Chacón, foi dirixida por Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021), presidente da Academia e catedrático de Historia Contemporánea de Galicia, e mereceu o I Premio de Investigación da Fundación Luís Tilve. No ano 2011 volveu ser distinguida pola mesma entidade, canda Carlos Pereira, co Premio de Investigación e Divulgación Histórica pola obra Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República.

Como docente, Ana Romero exerceu como catedrática de Xeografía e Historia no ensino secundario dende o ano 1978 e aplicou os seus coñecementos á elaboración de materias e propostas didácticas sobre diversos temas. Foi ademais directora dos institutos Sofía Casanova (Ferrol) e Monte das Moas (A Coruña), membro dos seminarios permanentes de Historia de COU e do Bacharelato LOXSE e profesora do Máster de Secundaria, entre outras responsabilidades docentes e de xestión educativa.