Os socios do Club do Mar de San Amaro deciden pechar a piscina climatizada

CATERINA DEVESA A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

CESAR QUIAN

A entidade acordou nunha xunta extraordinaria enviar un escrito ao Concello para pedir a resolución do contrato, que finaliza en agosto do 2023

25 jul 2022 . Actualizado a las 10:25 h.

Dende o Club do Mar de San Amaro xa advertiran que se o Concello de A Coruña non asumía as débedas da piscina municipal climatizada que xestiona a entidade optarían polo seu peche. Pois ben, a clausura do espazo, do que 69 persoas alleas a institución son socias, mentres que os abonados totais superan os 1.600, podería ser inminente. Os socios do espazo decidiron este domingo nunha xunta xeral extraordinaria enviar unha carta ao goberno municipal para solicitar a rescisión do contrato da xestión do servizo, con data de fin para agosto do próximo ano.

O primeiro punto da reunión propoñía unha apartación extraordinaria que permitise a entidade ingresar no que queda de ano uns 150.000 euros co obxectivo de equilibrar as contas, xa que, segundo indica Alberto Santalla, presidente do club, a piscina xera unhas débedas de 24.000 euros ao mes, de forma que a o final de ano o déficit podería ser de 300.00 euros . «O perdido xa está perdido, pero era unha forma de salvar o que queda de ano mediante un pago extraordinario. Propuxemos un pago de 4,10 euros por parte dos titulares, de 2 euros dos beneficiarios da instalación e de 1 euro no caso dos menores de 12 anos». Sen embargo, os socios decidiron non aportar máis cartos e no segundo punto da orde do día decidiuse o peche da instalación, pero ollo, «isto non significa que se vaia pechar mañá, pero é o primeiro paso», aclara Santalla.

Así, o martes a entidade entregará o escrito ao Concello que deberá decidir entre realizar un concurso e outorgar a xestión a outra empresa ou asumila directamente. «A concelleira de Deportes dixo que unha opción era que o goberno municipal tomase o control», indican dende o club, que agarda que a situación se solvente pronto.

Os empregados da instalación, preto de vinte, manterán os seus postos de traballo

O presidente do Club do Mar de San Amaro deixa claro que os traballadores da piscina municipal manterán os seus postos de traballo, aínda que a instalación peche. «A nova empresa que asuma a súa xestión terá que subrogarlles os contratos, o mesmo que se finalmente é o Concello o que decide responsabilizarse directamente da explotación». En total, son 18 os empregados dun espazo que de momento non ten data de clausura.

Dende a entidade sinalan que o problema «non é novo» e que está orixinado en que as condicións do contrato non se renovan dende finais dos 90, cando a institución asumiu a xestión da piscina. «Non é que esa instalación teña un problema nin que o club teña dificultades. A entidade xera beneficios, pero dende o ano 99 non se regularon as tarifas da piscina, mirouse cara outro lado e iso deu pé a un déficit que non podemos seguir asumindo», sinalou Santalla, que salientou que o contrato actual finaliza o próximo ano, pero que «o Concello podería prolongalo un ano máis». O presidente do club tamén evidenciou que é certo que a instalación «é atractiva para o complexo», pero ten claro que non é esencial para o mantemento da institución.

Agora, agarda que o Concello «cumpra o anunciado», xa que a alcaldesa, Inés Rey , asegurou estar estudando un equilibrio económico da concesión como solución á problemática. Neste xeito, comentou que debido a que o contrato actual remata en agosto do 2023 «os novos pregos terán en conta a situación actual». Igualmente, dende a Concellería de Deporte, manifestaron o pasado luns estar estudando cos servizos técnicos e xurídicos «unha posible compensación á entidade».

Os socios manifestáronse o mércores en María Pita baixo o lema: «A concellería ten a piscina en precario, solucións xa».