Francisco Jorquera: «É evidente que ao goberno de Inés Rey lle falta impulso»

A CORUÑA CIUDAD

ANGEL MANSO

Sostén que o gran reto do BNG é postularse como alternativa e «ofrecer o futuro de cidade que non ofrece Inés Rey»

04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera (Ferrol, 1961), fai balance dos tres anos que van do goberno de Inés Rey.

—Valoración do mandato?

—É crítica. É xusto recoñecer que a resposta á crise da pandemia en liñas xerais, con matices, foi apropiada. Pero a medida que avanzou o mandato vense síntomas evidentes de que ao goberno municipal lle falta impulso. Vimos de coñecer que no que vai de mandato se deixaron de investir dous de cada tres euros destinados a investimentos nos orzamentos. É un síntoma de ineficacia na xestión.

—O que máis lle preocupa?

—É un goberno que non ten un modelo claro ao que avanzar, ao que lle falta proxecto de cidade. Ademais, manifesta certa incapacidade para dar resposta ás necesidades reais das coruñesas e coruñeses, en materia de política de vivienda, de mobilidade ou de medio ambiente. Un exemplo está na xestión dos residuos, xa que está totalmente indefinido o futuro de Nostián para que sexa unha auténtica planta de reciclaxe. Na Coruña pódense facer as cousas moito mellor.

—Unha definición do mandato?

—Inestabilidade. Primeiro, polos efectos da pandemia. Por outra banda, é o termo que resume a vida política municipal nestes tres anos. Temos un goberno muncipal que experimentou continuas recomposicións, exclusión de persoas, incoporacións doutras, dimisións, etcétera. A inestabilidade tamén caracterizou a todos os grupos. Asistimos á desaparición de Ciudadanos na corporacion, á ruptura da Marea, a continuos cambios na composición do PP e o seu portavoz. Isto contrasta co traballo do BNG, que aportou rigor e fiabilidade á política municipal.

—O peor que fixo o goberno?

—Inclumprir moitas das súas promesas. Nos acordos de investidura había o compromiso de revisar o sistema de autobuses desta cidade. Non se cumpriu. Un dos grandes obxectivos que se anunciou foi dar pasos para constituír a área metropolitana da Coruña. Descoñecemos que esta declaración de principios se tivese concretado. Ademais, non hai políticas para combater o problema do acceso á vivenda.

—Ese acordo de investidura segue vivo?

—Decidiu o PSOE dalo por finiquitado. Digo isto mantendo unha actitude positiva. Un punto básico dese acordo era o compromiso de iniciar as negociacións dos orzamentos co BNG e a Marea no mes de setembro do exercicio previo á súa entrada en vigor. Levamos dous anos en que de xeito consecutivo o PSOE incumpre eses acordos. Decidiu prorrogar os orzamentos do 2020 ao 2021 sen sentarse a negociar e agora exclúe ao BNG da mesa de negociación pese a que, tendo en conta que o PSOE non nos convocaba, trasladamos as nosas propostas e fixémolas públicas.

—Aínda así, o goberno provócalle ataques de risa, como sucedeu no último pleno trala resposta de Celemín sobre a Casa Cornide.

—Si, o concelleiro Jesús Celemín volveu ser incapaz de poñerlle data á presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide e di que se investiu oito anos en pintar a Capela Sixtina, en resposta á nosa pregunta.

Sondaxe vaticina que o BNG duplicará concelleiros. Qué opina?

Somos a forza con máis expectativas de crecemento nunhas eleccions municipais. Valoramos o resultado da enquisa, pero non nos conformamos. Aspiramos a máis. O noso reto é ser alternativa e ofrecer o futuro de cidade que non ofrece Inés Rey.

—Será o candidato?

—No BNG aínda non se iniciou ese proceso. En calquera caso, se os meus compañeiros valoran que o feito de que eu repita como candidato é útil para o BNG, eu tería disposición.