Victoria Folgueira, concursante de «Saber y ganar»: «Os cartos do programa permitíronme empezar como autónoma»
A CORUÑA CIUDAD
A coruñesa foi unha das mellores concursantes de «Saber y ganar» e anos despois participou tamén en «¡Boom!». Agora traballa no eido arqueolóxico e restaurou hai pouco o astrolabio de Viveiro
26 may 2022 . Actualizado a las 15:41 h.De gañar concursos sabe moito a coruñesa Victoria Folgueira, cara ben coñecida para o público de programas televisivos como Saber y ganar ou ¡Boom! O seu gran éxito no primeiro permitiulle poñer en marcha unha carreira ligada á conservación de pezas arqueolóxicas, como o astrolabio descuberto na ría de Viveiro que vén de restaurar. Ese instrumento empregábase na antigüidade para orientarse no mar, e Victoria asumiu o seu traballo de rehabilitación.
«Cando mo encargaron non sabía a taxación da peza, pero case mellor así. Falan de máis de un millón de euros e dá algo de vertixe, aínda que ao final céntraste no aspecto técnico e esqueces o valor», comenta Victoria, historiadora de formación e que desenvolve estes traballos de forma autónoma para concellos ou empresas desde o 2011. Entre eles, tamén algúns ligados á consolidación de xacementos arqueolóxicos como o que fixo no castro de Cameixa, en Boborás. «Cando sacas algo á luz hai que tratalo para que non se deteriore», explica a conservadora.
Da súa participación en Saber y ganar, Verónica conta que foi fundamental para a actividade que desenvolve hoxe: «Foi unha gran axuda para a miña carreira na arqueoloxía. Estaba no paro e non tiña moitas perspectivas, pero os cartos do programa permitíronme empezar como autónoma». Aquela experiencia televisiva comezou no ano 2006, cando concursou durante 86 programas seguidos no xa histórico espazo de Jordi Hurtado. Logo volvería nunha edición especial para os mellores participantes e en total levou máis de 100.000 euros. E non foi o único que sacou desa experiencia televisiva: «Ademais de gañar cartos, fixen moi bos amigos e paseino moi ben». Tal foi así que tempo despois foise xuntar con outras tres persoas que coñeceu en Saber y ganar para volver a un plató, que desta volta foi o de ¡Boom!
E a preparación? Pois neste último foi algo distinta: «Ao ser en equipo podíamos repartir un pouco os temas. Eu repasaba cousas como as capitais mundiais porque é algo que podes abarcar, pero en Saber y ganar xa é máis difícil porque hai moita variedade. Aí vas coa cultura que tes e no meu caso supoño que tiven algo de vantaxe por ter estudado historia e arte».
Concursar ten algo que engancha a esta coruñesa e a proba é que xa se presentou a algún outro programa, pero non a colleron porque «ás veces non queren participantes coñecidos». Dado o seu gusto polas preguntas e as respostas, Victoria non descarta repetir nun futuro. E unha opción podería ser o concurso rei da grella televisiva: «Pasapalabra? Penseino algunha vez, pero neste caso está máis profesionalizado porque podes estudar o dicionario. Para chegar a facer algo tes que ir cunha preparación moi forte, case como unha oposición. Agora non tería o tempo e seguro que se vou non consigo nada, pero é posible que me presente algún día só por vivir a experiencia».
Fun
Participante de concursos televisivos como «Saber y ganar» ou «¡Boom!».
Son
Restauradora de pezas arqueolóxicas.