«Aí vén o maio», recitado por Inés Rey, abriu a homenaxe a Delgado Gurriarán

Nuria Guillermo
nuria guillermo A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Os coruñeses sumáronse aos desfiles, bailando cos grupos de música na rúa

18 may 2022 . Actualizado a las 09:46 h.

«É un día para gozar do noso, da nosa identidade e da nosa lingua». Con estas palabras, pronunciadas por un dos integrantes de Os do Fondo da Barra, unha agrupación pertencente á asociación cultural Xacarandaina, arrancaba a conmemoración do Día das Letras Galegas en A Coruña. O primeiro dos actos que tiveron lugar en conmemoración de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado neste 2022, foi unha lectura pública dalgúns dos seus poemas.

Baixo un ceo cuberto de nubes grises, o evento comezou a mediodía na praza de María Pita cunha actuación de Os do Fondo da Barra, coa que animaron ás persoas que comezaban a congregarse baixo os soportais do concello ante a ameaza de chuvia. Tras esta intervención do grupo folclórico, a alcaldesa, Inés Rey, deu comezo ás lecturas, recitando o poema Aí ven o maio. Posteriormente, polo micrófono foron pasando outros membros da corporación municipal e diferentes persoas que quixeron participar no acto. Entre a ducia de textos que se leron en María Pita, atopáronse composicións como Enterro, A cadea, Romance do cabaleiro Ourizo ou Cantiga da vendima. Tras a finalización do acto de lectura pública, continuou a actuación de Os do Fondo da Barra diante do concello. Sobre esa hora, comezou o pasarrúas levado a cabo por Aturuxo, que saíu desde os xardíns de Méndez Núñez e foi avanzando cara á praza de Vigo.

«Foi a nosa idea aproveitar o Día das Letras Galegas para facer un pasarrúas pola cidade, buscándolle un significado. Ese significado está nos escritores. Decidimos saír do monumento a Curros Enríquez —nos xardíns de Méndez Núñez— e facer unha ruta de escritores pola cidade. Quixemos facerlle unha homenaxe a todos eses autores que están nos xardíns, como Curros, Emilia Pardo Bazán, Castelao, Wenceslao Fernández Flórez, Eduardo Pondal...», explicaba tras a finalización da actuación de Aturuxo unha das súas integrantes, Isabel.

«Despois, xa que Rosalía ten a súa casa na Cidade Vella, decidimos ir pola rúa Juana de Vega, outra escritora, e no número 21, que foi onde morreu Pondal, fixemos unha parada. Tras iso, fomos polas rúas Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Pardo Bazán», relatou. O percorrido rematou na praza de Vigo, onde interpretaron dúas pezas baixo as árbores. «Este tipo de iniciativas son unha forma de reivindicar a nosa cultura, estou moi a favor», afirmou Nieves García, unha espectadora do grupo durante a súa breve parada na praza de Lugo. «Que chova non está mal, forma parte de todo o ambiente», engadiu.

A chuvia non impediu que a agrupación amenizase a mañá dos coruñeses durante o Día das Letras. «A xente que estaba polas rúas aguantou este orballo que, para os instrumentos e para os nosos traxes, é horrible. Agora hai que escorregalos. A experiencia creo que foi moi positiva porque, aparte da ledicia que podemos ter por vir polas rúas, incluso nalgún lugar que fixemos algún pasiño de baile algunha persoa se meteu no grupo. Iso é moi bonito, e tamén o é ver saír á xente desde as ventás a aplaudir», narrou a integrante de Aturuxo.

Continúa a programación

ANGEL MANSO

Ao longo da mañá tamén se celebrou en Studio Follow, o espazo creativo localizado na Grela, o evento Momentos Alhambra Spring Bloom, unha actividade na que colaboraron o taller floral Médula, a libraría de segunda man Re-Read e Cervezas Alhambra para encher o local de libros e flores durante o Día das Letras Galegas. A xornada conmemorativa continuou pola tarde coas actuacións de Os Gaiteiriños, na Gaiteira, e de Eidos, que levou a súa música ao longo da cidade, desde María Pita ata a praza de Lugo. O Día das Letras Galegas pechárono Cántigas da Terra, na praza de María Pita, e Donaire, que, realizando o percorrido inverso ao seguido por Eidos, avanzou desde a praza de Lugo ata María Pita.

As actividades organizadas polo Concello da Coruña para conmemorar esta festividade continuarán mañá no Teatro Colón cun concerto da Banda Municipal de Música da Coruña con Juan Lois Diéguez como director invitado na presentación de Paseo con aires ártabros. Ademais, o próximo martes terá o espectáculo teatral infantil Brincadeiras da lingua e os sábados 21 e 28 levaranse a cabo os dous últimos percorridos do circuíto Paseos pola Coruña literaria. A primeira destas rutas percorrerá a vida e obra de Luz Pozo Garza da man de Susana Aríns, mentres que o segundo contará con Marilar Aleixandre. O 21 de maio tamén se celebrará un concerto de Luar na Lubre no Ágora ás 21.00 horas. O peche da programación será o 31 de maio, cunha nova xornada de espectáculo teatral infantil no que María Faltri e Jorge Juncal, dentro do programa Apego, interpretarán Soñando inventei. Ademais, o Casino celebrará hoxe, ás 20.00 horas, un acto de homenaxe no que se realizará unha lectura de poemas e a actuación do ballet Bainga e da coral da organización.