María García, voceira da Marea: «O fácil é a inercia, a continuidade, pero non necesariamente é o mellor»
A CORUÑA CIUDAD
Considera que existen persoas preparadas para asumir o futuro do partido para tratar de aumentar na Coruña o número de concelleiros actuais
26 abr 2022 . Actualizado a las 09:59 h.María García asumiu o posto de voceira trala renuncia de Xulio Ferreiro logo das eleccións do 2019 e agora explica a decisión dos cinco concelleiros da Marea de rematar a súa etapa política.
-Por que non estará na próxima lista electoral ningún dos actuais concelleiros da Marea?
-É a filosofía da Marea Atlántica, de renovación e impulso da rúa, non perder de vista de onde vimos cales son as necesidades da xente e non necesitar que a política te atrape. Todas somos conscientes de que é absorbente e se rematan xerando burbullas de desconexión. Logo coincide con sete anos absolutamente trepidantes dende crear unha nova forza política, presentarse a unhas eleccións persoas que non viñamos da política municipal, gañar, gobernar catro anos con moito ataque e control, e logo a derrota electora, substituír a Xulio Ferreiro… Foron anos moi intensos e se acusa cansancio, o digo por min, pero creo que se identifican moitos compañeiros con estar cansos, tamén a nosa xente, as nosas familias e fai falta respirar. Cremos que a renovación é o que toca, é sanísimo e unha boa práctica, apostamos por iso dende o principio.
-Pedíronlle se continuaba, pero dixo que non. O tiña claro ou foi unha decisión tomada ao final?
-Eu agradezo esa confianza, pero entendo que moitas veces o fácil é a inercia, a continuidade, pero non necesariamente o mellor. Estou convencida de que ten que entrar xente cun pulo novo, con enerxía nova e ilusión e unha visión dende fóra. O tiven clarísimo e tamén é a aposta da coordinadora, a proposta é a da renovación radical. Agora se inicia un proceso de Marea Viva con toda a mareancia.
-Que balance fai destes anos?
-Son etapas diferentes a de goberno e a de oposición, non sei se son demasiado orgullosa, pero creo que se vai estudar no futuro a Marea Atlántica porque foi un fenómeno cidadán de empoderamento brutal. Estou moi contenta, o balance é de estar moi orgullosa do traballo feito, pero tamén sendo conscientes dos nosos erros e de que quedaron moitas cousas por facer. Fixemos cousas memorables no goberno, a institución se volveu moito máis accesible, se mirou máis polas persoas, se apostou por outro modelo de cidade recoñecible e dende a oposición estivemos marcando a axenda e producindo política municipal recoñecible cando apoiamos dous aprobacións de orzamentos e que poderían ser tres se o goberno de Inés Rey tivese querido. Tamén en clave crítica, co exemplo da sentencia recente da cuestión do transfuguismo. A Marea Atlántica está para producir e defender o interese xeral, iso é recoñecible estando no goberno e na oposición. Non viñemos a mirar por nós nin a facer carreira política, viñemos a defender os intereses da cidadanía.
-Que foi o mellor e peor desde o 2015?
-Das políticas da Marea Atlántica destacaría a aposta decidida pola xustiza social cun montón de programas como a renda social municipal, senfogarismo, atención a persoas maiores ou a defensa dos dereitos laborais dos traballadores das concesionarias, tamén son moi recoñecibles as políticas de protección do medio ambiente e cambio climático, de participación da cidadanía e mobilidade, hai moitas cousas. Acabamos de vivir unha situación de pandemia e as liñas principais dos orzamentos que acabamos de aprobar son a cuestión enerxética, a vivenda, a saúde mental e os coidados, estamos ó que toca. Quedou moito por facer, un dos principais erros da Marea Atlántica foi ter iniciado moitas cousas que necesitan de máis dun mandato para consolidarse, se cadra abordar menos e pechar máis.
-No 2015 a Marea apareceu no goberno con dez concelleiros e no 2019 pasouse a seis. Acusouse máis perder case a metade da representación en María Pita que pasar do goberno á oposición?
-Tivo que ver cun ciclo político e con que xusto antes houbo unhas eleccións xerais en Madrid que deron un cambio no Goberno central erepercute. Temos que mirar para adiante, aproveitar a experiencia, aspirar á máxima representación posible para incidir nas políticas do Concello e a iso estamos. Esta semana se anuncia a Marea Viva, o congreso xeral e a partir de aí motores acendidos para 2023. Non só a candidatura, tamén o proxecto político e o programa electoral.
-Como será o proceso de Marea Viva?
-É un proceso de reflexión e debate no que participan todos os asinantes do manifesto fundacional e a coordinadora propón unha serie de propostas de resolución que se debaterán no plenario e se votarán.
-Que expectativas teñen para as eleccións?
-Todas. Obter a maior representación posible para incidir nas políticas do Concello e incidir na vida das persoas.
-Repetir seis concejales sería un bo resultado?
-Podemos aspirar a máis.
-Quen está para o recambio e asumir o liderado?
-A Marea se caracteriza por ter moitas persoas, un capital humano tremendo, de apoio, de experiencia na xestión e na política municipal e non me corresponde sinalar nomes concretos, pero hai un grupo de xente moi interesante.
-Desde que Xulio Ferreiro deixou a política activa fáltalle un referente claro á Marea?
-Non son a única que opina que Xulio foi o mellor alcalde da Coruña, quedará no imaxinario de todos, é unha persoa que é un referente para a Marea Atlántica, pero tamén máis alá. Hai que mirar cara o futuro e aparecerán novos perfís moi interesantes.
-Vostede asumiu a portavocía trala súa marcha. Como viviu ese cambio de rol?
-Non son unha persoa que desfrute da visibilidade pública, pero toca. O importante é que estou moi satisfeita co traballo realizado, está á vista de todo o mundo. Se non fose pola Marea Atlántica non habería 9 millóns de euros destinados a vivenda, nin pensaríamos nunha empresa eléctrica municipal, nin unha partida para distribuír psicólogos nos centros cívicos. Estou orgullosa de ter sido a voceira e traballar con estes compañeiros no grupo municipal.
-O máis importante será tratar de recuperar o goberno, pero o prioritario manter o bloque maioritario de esquerdas?
-Sen dúbida, as políticas que emanen do Concello teñen que ser progresistas e estar enfocadas á xustiza social. O ideal sería o liderado da Marea Atlántica.
-Como se afronta o último ano do mandato despois de facer este anuncio?
-Se este fin de semana foi movido con anuncios de se repetimos ou non, hoxe -por onte- xa estábamos todos no Concello organizando a axenda da semana e traballando. O traballo nunca parou.
-Dicía que se o Concello recorre a sentenza de Mónica Martínez non facilitaría o entendemento co PSOE. Que pasará se apelan?
-Afecta ao clima de colaboración porque recorrer é perpetuar unha situación de ilegalidade no goberno municipal. É manter unha tránsfuga no goberno, agora xa o di a Xustiza. Teñen todo o dereito, pero é perpetuar unha situación irregular e moi pouco ética, a Marea non vai avalar este tipo de prácticas.