Un libro que pecha o círculo que abriu Emilia Pardo Bazán

Almudena Santos A CORUÑA/ LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Marcos Míguez

Ana Romero e Xulia Santiso presentaron na libraría Moito Conto de A Coruña a súa obra «A voz das últimas cigarreiras coruñesas»

09 mar 2022 . Actualizado a las 19:48 h.

Un día despois do Día da Muller, a escritora Ana Romero e a responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, reivindicaron os dereitos das cigarreiras, que, segundo explica Ana, «determinaron a historia da cidade da Coruña». Ambas plasman a súa historia a través da obra A voz das últimas cigarreiras coruñesas, cuxa escritura estivo «marcada por tres frontes»: Emilia Pardo Bazán e a súa obra La Tribuna, a celebración dos vinte anos do peche da Fábrica de Tabacos e «a voz das últimas cigarreiras vivas», segundo explicou Ana Romero.

O obxectivo da obra, que foi presentada este mércores na libraría Moito Conto, era «pechar o círculo que iniciou a escritora, dando así voz ás últimas cigarreiras que quedan», asegurou Xulia Santiso. Comezaron facendo unha serie de cuestionarios que contiñan dez preguntas, a través das cales pretendían coñecer «historias relevantes destas mulleres».

Non en tanto, dende o punto de vista de Ana Romero, non atoparon grandes sorpresas, xa que coñecían moito sobre o traballo que se desenvolvía na factoría da praza da Palloza. «Acadei novas anécdotas e datos para perfilar o que xa sabía», recoñece.

Pero aínda que as autoras de A voz das últimas cigarreiras coruñesas coñecían ben o traballo que as mulleres da fábrica desenvolveron na Coruña, Xulia Santiso asegura que, aínda a día de hoxe, «é necesario facelas visibles».

Ana Romero vai máis aló e propón que «a praza de Tabacalera cambie o seu nome polo de praza das Cigarreiras».

O que as dúas teñen claro e que A voz das últimas cigarreiras coruñesas é unha obra que logra «darlle voz as últimas mulleres deste colectivo que aínda están vivas». Ademais lograron enlazar os textos coa emblemática obra de Emilia Pardo Bazán, posto que «cada capítulo vai introducido por un fragmento da escritora».

«As cigarreiras eran, en moitos casos, o sostén das familias» indica Ana Romero, que asegura que «nunha cidade como A Coruña, que viviu moitas folgas de homes traballadores, o papel das mulleres foi clave». Ademais, a través da investigación para escribir o libro, Xulia Santiso deuse conta de que «o sentimento de comunidade que había na época de Emilia Pardo Bazán entre as cigarreiras aínda existe».