Ana Romero, catedrática en Xeografía e Historia: «Mercedes Tella abriu camiños para que as mulleres formasen parte da sociedade»

Elena Silveira
Elena Silveira A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

EDUARDO PEREZ

A experta, que imparte clase no instituto Monte das Moas, presentou a biografía sobre a que fora directora da Escola Normal de Mestras na Coruña

17 feb 2022 . Actualizado a las 09:36 h.

Este mércores presentouse na libraría Lume da Coruña o último libro da catedrática en Xeografía e Historia Ana Romero Masiá (Santiago, 1952). Xa publicara traballos sobre as cigarreiras coruñesas, as salgadeiras e conserveiras galegas, sobre María Barbeito, Emilia Calé ou sobre o asociacionismo feminino progresista na Coruña. Pero, desta vez, trata de reconstruír a vida e obra de Mercedes Tella Comas (1898-1934), «unha muller que caeu no esquecemento co paso do tempo», pero que tivo un papel moi importante na sociedade coruñesa sendo, entre outras cousas, mestra e directora durante varios decenios da Escola Normal de Mestras da cidade.

—Por que unha figura tan apreciada na sociedade do seu momento como Mercedes Tella caeu no esquecemento?

—Algúns nomes, por razóns diferentes, quedan máis na memoria colectiva dunha sociedade. Outros, quizais por desenvolver un traballo máis silencioso pero constante e centrado nunha colectividade concreta, tan so son recordados nese ámbito. O caso é que, investigando para outros traballos, o nome de Mercedes Tella aparecía constantemente na documentación e considerei que a súa vida podería ser unha biografía a rescatar porque tivo un papel moi importante na sociedade coruñesa a pesar de que o paso do tempo levouna ao esquecemento.

—Foi mestra de mestras.

—Coñecémola porque foi catedrática de Xeografía e xa so con iso chegaría para tela en conta. Pero é que, ademais, durante máis de 20 anos foi directora da Escola Normal de Mestras da Coruña sempre co apoio unánime do claustro. E iso tamén quere dicir moito. Significa que tiña unhas calidades humanas e de traballo que facía que fora moi apreciada e respectada. De feito, obtivo ese apoio independentemente do Goberno imperante, xa que foi directora sendo o país unha monarquía constitucional no tempo de Alfonso XIII, unha ditadura con Primo de Rivera e durante a República. De feito, xubilouse en 1932 e foi nomeada directora honoraria, algo que nunca antes pasara. Era moi querida polas súas calidades humanas e profesionais.

—Que é o que máis destacou do seu legado?

—Non se conserva moito da súa teoría pedagóxica pero intúo que poñería en práctica o máis novedoso da súa época en material docente. Foi profesora de profesoras e tiña o cariño tanto das súas alumnas como dos compañeiros. Foi unha persoa que non se conformaba con exercer ese traballo e pensaba que as mulleres tiñan que estar presentes en todos os ámbitos da sociedade e recibir formación. E o leva a práctica dunha forma consciente. Digamos que abriu camiños para que as mulleres formasen parte da sociedade nunha época na que non era fácil.

—Era unha feminista adiantada?

—Non, non. O seu pensamento era máis ben conservador. Non foi unha revolucionaria, pero si unha muller convencida de ser muller e de que todas teñen un papel e que estar presentes na sociedade.

—No seu libro, titulado «Mercedes Tella Coas (1868-194): Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña», conta que foi coetánea de Emilia Pardo Bazán. Tiveron unha estreita relación?

—Coincidiu con ela tanto en Madrid como na Coruña. En Madrid, cando cursaba o último ano para obter a titulación de Maxisterio. Alí se incorporou á vida cultural da cidade, onde Emilia Pardo Bazán sempre estaba presente. En na Coruña tiveron moita relación coincidindo en xuntas directivas de varias entidades, nas reunións do Circo de Artesáns... Pero por quen tivo unha auténtica devoción foi por Concepción Arenal, a quen admiraba pola súa labor pedagóxica e a atención aos presos nos cárceres.

—Sen embargo, si tivo estreita relación con María Barbeito e o el alcalde Manuel Casás.

—Si, os tres formaron un triángulo ou unha mesa de tres patas moi activo na súa época e cos mesmos intereses.

—Entón non sería difícil recompilar documentación sobre a súa labor.

—A raíz do traballo que fixen, precisamente, sobre María Barbeito obtiven moitos datos de Mercedes Tella. Cando había un acto oficial, Barbeito acudía invitada como representante básica do ensino secundario e, Tella, do ensino primario. Ían sempre en parella.

—Contactou coa familia? Foi fonte de datos?

—A verdade é que non. Case todo o que recompilei sobre Mercedes Tella foi de publicacións en prensa e no arquivo administrativo. Ela tan so tivo un fillo e, por problemas de saúde, sempre que podía marchaba a Villafranca del Bierzo, onde morreu e de onde era a familia do seu marido. E alí xa non lle puiden seguir o fío... A verdade é que recompilar datos para unha biografía sobre mulleres que non foron primeiras espadas é moi difícil.

—Que é o que máis lle chamou a atención da súa personalidade? Que é o que aprendeu dela?

—A capacidade para sobrepoñerse a situacións familiares moi difíciles. Mercedes Tella naceu o 22 de setembro de 1968, no día da chamada revolución Gloriosa. Os pais decidiron bautizala pronto, rápido, porque xa debía ter problemas de saúde ao nacer, aínda que despois fixeron outro bautizo máis sosegado. O tema da saúde foi un hándicap que mantivo toda a súa vida, pero iso non lle impediu poñerse en pé e traballar a reo. Tivo una depresión posparto moi forte despois de que nacera o seu fillo e, incluso, tivo que marcar para ser tratada por psiquiatras. E, en menos de dous anos, perdeu a tres irmáns, incluída a súa xemelga. E por problemas de saúde tamén tivo que deixar a docencia e a dirección da Normal durante uns anos.

—É unha personaxe, coma moitas outras mulleres, que ben podería ser estudada nos libros de texto.

—Hai tantos contidos nos programas oficiais que non é fácil introducir ás mulleres. Depende da sensibilidade do profesorado. É verdade que as mulleres empezan a aparecer timidamente nos libros de texto, pero aínda queda moito por avanzar.

—Qué muller coruñesa está investigando agora?

—Estou ultimando un traballo sobre as cigarreiras que fixen conxuntamente con Xulia Santiso, responsable do Museo Emilia Pardo Bazán. Presentarémolo dentro dun mes e recolle as experiencias das últimas cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña. Xuntamos ás dez mulleres para darlles voz e conten a súa historia. Tiñamos que facelo xa posto que xa non quedan moitas que teñan esa memoria daqueles anos. Hai que darse conta de que a fábrica pechou xa hai vinte anos. E o próximo martes presentarei outra historia na Biblioteca de Estudos Locais, esta vez sobre o trienio liberal, no que a Coruña tivo un papel fundamental.