A outra filla de Casares Quiroga

Cristina Sánchez-Andrade PREMIO DE XORNALISMO JULIO CAMBA

A CORUÑA CIUDAD

ARCHIVO CARLOS FERNANDEZ

21 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que non era a primeira vez que ouvín falar de María Casares (A Coruña 1922-París, 1996), confeso que non sabía gran cousa sobre ela até ler recentemente a súa biografía novelada (La Única, de Anna Plantagenet, Alba Editorial), así como varios artigos e entrevistas (na internet están localizables os magníficos programas A Fondo e Imprescindibles). Dende logo chama a atención (ou mellor dito, non, porque non é a primeira vez que unha personaxe feminina pasa desapercibida) que a súa biografía non se coñeza máis en España. Nacida en 1922 na cidade da Coruña, no seo dunha familia de señoritos (era filla do político republicano Santiago Casares Quiroga) por vía paterna e de «cigarreiras» pola materna, após estourar a Guerra Civil tivo que exiliarse en París, onde deveu unha das grandes damas do teatro francés do século XX. Precisamente, o Concello da Coruña renderalle unha serie de homenaxes este ano, coincidindo co centenario do seu nacemento. Non era sen tempo!

Son moitas as cousas interesantes que se poderían salientar sobre ela, entre outras que foi amante de Albert Camus e que alternou con xente como Picasso ou Jean Cocteau. Mais vou dedicar estas poucas liñas a un detalle da súa biografía que, aínda que non sexa estritamente propio, paréceme bonito e xusto de mencionar. Trátase da súa medio irmá, Esther, a outra filla de Casares Quiroga.

Disque un día, doce anos antes de que María nacese, apareceu o seu pai na casa familiar cunha nena pequerrecha en brazos. Era a filla que tivera, probablemente froito da relación coa dona da pensión onde se aloxaba mentres cursaba os seus estudos de Dereito en Madrid. Aínda que non ten por que, chama a atención para a época, e fala ben de Casares Quiroga, que fose recoñecida e acollida polo pai. Como todo o mundo sabe, o normal na época era que fose a nai a que cargase cos fillos naturais. Sen irmos máis lonxe, a propia avoa por parte de nai de María Casares tiña uns cantos fillos non recoñecidos polos seus respectivos pais.