O local onde latexaba Galicia
O matrimonio asiste con entusiasmo á proclamación da República e pouco tempo despois decide trasladar a súa residencia a Compostela para atender mellor as publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Para entón xa fundara a imprenta Nós, que vai trasladar á rúa das Hortas, onde vivira o seu amigo Camilo Díaz Baliño. Mais o ano 1931 aínda depararía outra boa nova, a fundación do Partido Galeguista, onde vai ocupar diferentes responsabilidades. Miramontes e Casal eran militantes activos mentres seguen coa editorial, que co tempo se traslada á rúa do Vilar. Naquel modesto local imprimíronse os textos máis importantes da literatura galega de comezos de século, uns libriños esteticamente coidados e a prezos populares. Alí latexaba o corazón de Galicia. Seoane falou de editorial heroica que non se sabía como sobrevivía e, en boa medida, fíxoo grazas ás puntadas de María.
A Nosa Terra, a revista Nós, Seis poemas galegos de Federico García Lorca, De catro a catro de Manuel Antonio, Arredor de si de Pedrayo, Retrincos de Castelao, Mar ao norde de Álvaro Cunqueiro, e así ata case un cento de libros fundamentais para a nosa literatura. María encadernaba libros e tras o mostrador, co seu cigarro, Casal recibía a xente. Un taller modesto, con cinco operarios, onde Casal enredaba entre as máquinas, a guillotina e as caixas de tipografía.