Blanca Riestra: «Xa non podo escribir sen xogar coa forma»

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Blanca Riestra.
Blanca Riestra. MARCOS MÍGUEZ

A escritora novela unha historia de voces entrelazadas con A Coruña como personaxe colectivo

27 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí empeza o mar deulle a Blanca Riestra (A Coruña, 1970) o premio Blanco Amor: unha novela sobre a súa cidade natal vista dende unha polifonía de voces.

—Despois de «Noire Compostela», outra novela súa en galego....

—Para min, volver ao galego, a que foi a miña primeira lingua de escrita hai trinta anos, é un luxo inaudito. Ás veces non nos damos conta do que temos. É como posuír un castelo medieval na campiña. Cando volvín a Galicia souben que regresar ao galego era volver a un sistema literario completamente distinto ao español, onde se valoraba aínda o hiper-literario e o excéntrico de xeito exacerbado. Eu necesitaba iso, e quixen beber —ou deixarme confortar— desa tradición feita de individualidades rabudas e resistentes. Porque a historia da lingua e da literatura galega é un pouco iso: a vitoria de David fronte a Goliat. Temos que estar moi orgullosos de ter preservado a nosa herdanza —o tesouro de Marín Codax e de Mendiño— fronte aos envites da historia. Porque unha lingua non é equivalente a outra. Nunca.

—O xurado fala da Coruña como unha personaxe colectiva: cales serían os trazos desa Coruña que propón o seu libro?

—Para min, Coruña é un territorio moi inestable, construído enriba de auga, enriba dun sumidoiro, dunha sentina. Hai algo no subsolo que nos chama. Por iso tanta xente nesta cidade se perdeu. Hai un latexo portuario de auto-destrución que nos percorre a todos. A novela fala diso: como fatalidade, tamén como beleza.

—Hai unha visión ou recreación de diversos episodios, creo, da historia da cidade: cales foron algúns dos que elixiu e por que?

—Ten moita importancia na novela o final dos oitenta, época da miña primeira mocidade, a movida coruñesa, o xurdimento do atlantismo, a explosión da poesía coa xeración de De amor e desamor, con Fernán-Vello, Lino Braxe, Pilar Pallárés, Lois Pereiro, Xabier Alcalá. Falo un pouco de toda esa tradición da bohemia coruñesa, da música, da pintura, da escrita, coa que me medrei, e de todos os que quedaron no camiño. Pero a novela chega ata os nosos días e touca un pouco todo, sociedade, política...

—Étamén unha proposta híbrida, con autoficción, xornalismo, memoria...

—Marabíllame que a novela fose tan ben lida, con tanta xenerosidade, polo xurado do premio. Porque eu xa non podo escribir sen xogar coa forma. A idea para min era converter a novela nun río abranguedor de voces entrelazadas, e para iso a polifonía e a hibridación son esenciais.