O gran aporte da Coruña ao mundo globalizado

Xosé Lois Martínez Suárez

A CORUÑA CIUDAD

O catedrático de Urbanismo Xosé Lois Martínez analiza o futuro da faciana marítima da cidade

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que as cidades teñen identidade é unha afirmación dos teóricos do Urbanismo dende Lauger ata Sitte, Geddes... As que son capaces de mantela no proceso da súa evolución son as que visitamos, as que lembramos pola súa forma física mais tamén pola harmonía da interacción co corpo social que constitúe a parte esencial. Son cidades patrimonio da humanidade.

A Coruña, unha cidade sen grandes monumentos nos seus tecidos urbanos, foi admirada dende as últimas décadas do XIX ata finais da década de 1930. Esta admiración respondía á brillante formulación que a burguesía comercial e industrial coruñesa dera a unha urbe aberta e liberal na relación entre a edificación dos seus barrios, as grandes infraestruturas portuarias e o espazo natural da baía.

Os enxeñeiros de camiños e Portos e os Arquitectos deron forma aos ideais urbanos dun grupo social minoritario que desde finais do XVIII estableceu por primeira vez na historia das cidades galegas unha modélica relación coa ría que lle deu orixe. Desde Porta Real á praza de Ourense os aliñamentos definiron o límite do construído, establecendo ao longo dun quilómetro unha franxa verde continua de cen metros de ancho como elemento de intermediación entre os barrios da Pescadería, o Ensanche e a baía.