Samuel, Alberto e Ana

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

A CORUÑA CIUDAD

SIRO

10 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A anécdota recolleuna o escritor Marino Gómez Santos no libro Gregorio Marañón cuenta su vida, editado en 1961. Manuel Azaña, presidente da II República, nomeara xefe de protocolo ao seu cuñado Cipriano Rivas Cherif e un xornal deu a noticia cun erro de linotipia: «Rivas Cherif era Jefe de Protoculo». Pérez de Ayala contoullo a Marañón, quen comentou: «A veces, el camino más corto para llegar a un cargo es el recto». Sorprende que intelectuais como Ayala, Marañón e Gómez Santos entrasen nun xogo tan vil; pero, máis de corenta anos despois, gañoulles por goleada o xornalista Jaime Campmany ao dar por certa a improbable relación amorosa de Azaña con Rivas e acusalo de casar coa irmá do amante para disimulala. Tanto lle gorentou emporcallarse no noxo, que o contou dúas veces en ABC, en 2003 e 2004.

Non son casos illados. Abonda a xente de letras con obra recoñecida internacionalmente que aborrece ao homosexual. Ramón Gómez de la Serna escribía en 2018 que os maricas deberían estar nun manicomio, coma os tolos; e poñíalle motes e facíalle coplas satíricas a Jacinto Benavente, celebradas en tertulias de machos ibéricos; algúns, coma el, con pinta de pompiña de xabón. Tamén Juan Ramón Jiménez marcou distancia con gays e lesbianas: «Los maricones y las marimachos nunca dicen la verdad, lo que es lójico, ya que su reino propio es una mentira de la naturaleza».

Non tiñan mellor opinión políticos de esquerda como Federica Montseny, que os consideraba «equivocaciones de la naturaleza» e estaba certa de que a homosexualidade é un símbolo de decadencia social; ou Tierno Galván, o vello profesor, que en declaracións á revista Interviú, en 1977, mostrábase magnánimo e dicía que non se debía castigar aos homosexuais, pero si «poner límites a este tipo de desviaciones».

A agresión verbal e a condena da Igrexa animaban á agresión física e produciuse arreo. Un dos asasinos de Lorca afirmou, fachendoso, que viña de darlle «dos tiros en el culo, por maricón»; tres canallas que se identificaron como policías mallaron en Miguel de Molina, ata deixalo por morto, en 1939, «por rojo y maricón»; e o comunista Luis Buñuel recoñeceu que el e uns amigos batéranlle a un homosexual nun urinario.

Non son cousas do pasado. Demóstrano as opinións de Pío Moa, ideólogo da extrema dereita, e o informe do Ministerio do Interior, que sinala o aumento nos últimos anos dos delitos de odio pola orientación sexual das vítimas.

Que ten todo isto con Samuel, o mozo morto a paus por unhas malas bestas sen cerebro e sen alma, na Coruña, o pasado día 1? Na miña opinión, pouco; porque, aínda que algúns medios de Madrid se encirraron en presentalo como delito de intolerantes, todo indica que Samuel non foi agredido por ser homosexual, senón por cruzarse no camiño duns miserábeis covardes e parvos. O presidente Núñez Feijoo condenou o crime e, prudente, evitou cualificalo de homófobo. Á líder do Bloque faltoulle tempo para saltarlle ao pescozo e acusalo de branquear os discursos de odio, manterse equidistante, poñerse de perfil e demais topicazos da retórica parlamentaria. Ana Pontón fixo o que a familia de Samuel pediu que non se fixese: utilizalo politicamente. Din os crentes que Deus castiga sen pau, nin pedra. Ás veces, si; e en casos como este soe castigar co ridículo.