Roberto Parga Abeleira: «Hai anos o obxectivo era que Artesanos non morrese, pero agora está moi vivo»

Fernando Molezún A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

roberto parga
F. M.

Encabeza a directiva da popular entidade Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos cun novo plan de revitalización

29 jun 2021 . Actualizado a las 08:53 h.

Houbo un tempo no que na cidade se aseguraba que para ser alcalde da Coruña antes había que pasar pola presidencia do Circo de Artesanos. Así o confirman os retratos que penden das paredes da sala de xuntas da sede de esta histórica entidade en San Andrés. «Nesta sala, rodeado de tanto personaxe ilustre, caes na conta de que o cargo lle vai grande a calquera», recoñece o actual presidente de Artesanos, Roberto Parga Abeleira (A Coruña, 1968). Chegou á presidencia apenas un ano antes do confinamento. Pero a pesar de ter pasado a maior parte do seu mandato en pandemia foi capaz, xunto co seu equipo directivo, de volver a situar ao Circo de Artesanos na vida social e cultural da cidade. «Son 174 anos de historia que non podemos deixar morrer así como se nada», advirte.

-Pódese dicir que as últimas noticias que tiñamos do Circo de Artesanos falaban de crise.

-Sempre tivo altos e baixos en todos os seus anos de historia. É algo cíclico. Hai algo máis de cincuenta anos estivo a piques de desaparecer, e dez anos despois estaba nunha época de bonanza que case que regalaba o diñeiro entre distintas entidades da cidade. E certamente as dúas últimas décadas non foros das mellores, tanto desde un punto de vista cultural, de todas as cousas e actividades que dan sentido á sociedade, como desde unha perspectiva económica.

-E qué propiciou esa crise?

-Supoño que non haberá unha única causa. Habería que facer un análise máis profundo dos cambios que experimentou a cidadanía neses anos: houbo un cambio radical na maneira de consumir cultura, de relacionarse... E todo iso influíu moito, me temo. Non chegamos a adaptarnos aos novos tempos. Aínda que si se fixo algo moi importante neses anos, que foi manter a sociedade viva.

-Pero, de qué maneira? Arrastra moita débeda?

-Ao contrario! Eu collín a presidencia cunhas contas que me deixaron as anteriores directivas totalmente saneadas. Artesanos é unha sociedade solvente, sen débeda ningunha, totalmente limpa e cun patrimonio importante.

-E ese patrimonio hai que mantelo. É moi custoso?

-Iso si. Temos un gasto corrente anual, con tres empregados fixos -aínda que chegou a haber vinte non fai moitos anos-. de 140.000 euros. Que non é algo menor, pero es que este edificio é moi grande.

-É vostede un presidente máis novo do que estamos acostumados a ver nas últimas décadas.

-É certo. Pero de algunha maneira levo ligado a Artesanos toda a vida. Entrei na directiva fai uns cinco anos, pero xa era socio de antes. De feito é case unha tradición na miña familia. Metéronme porque no era fácil atopar xente que quixera investir o seu tempo aquí. E cando enfermou o anterior presidente, Cándido Iglesias Luaces, pedíronme que me puxese á fronte da directiva.

-E nos malos tempos, qué lle levou a seguir sendo socio?

-Era case un deber. Sentía que pagar a cota aínda que a sociedade non ofrecera nada, era un acto de coruñesismo. Tiñamos que aguantar e manter Artesanos, era unha necesidade e unha cuestión de xustiza para a historia da cidade. E non era pouco conseguir aguantar sen xerar débeda. Pero ese era o único obxectivo: aguantar á sociedade, que non morrera. Agora a cousa cambiou, porque non tiña sentido seguir así. Había que encher isto de contido e agora está moi vivo.

-Cales son os seus planes de futuro?

-Pensamos firmemente que a sociedade pode ter unha oferta de ocio e cultura fundamental para a cidade e que hai demanda para cousas así. Nestes dous anos que levamos traballando apostamos por esta liña con certo éxito, e todo a pesares de que a maior parte do tempo o pasamos en pandemia. Agora temos uns 200 socios, pero queremos que a cousa vaia a máis. Esta semana tivemos a uns trinta mozos duns vinte anos, que remataron un curso de xestor de tempo libre e que estiveron por aquí. Ver a tanta xente nova é unha alegría e recoñezo que non é habitual.

-E cómo van facer para recuperar socios?

-Traballando. Non sei por qué se creou a sensación de que isto é un espazo cerrado, cando está na xenética da sociedade que sexa unha entidade aberta a todos os coruñeses, cun carácter liberal e galeguista. E así desde o seu inicio, é o que define a Artesanos.

«Se deixo arranxada a biblioteca penso que terei cumprido coa cidade»

Levan tres meses organizando un ciclo de conferencias por onde teñen pasado grandes nomes da cultura, a educación e a sociedade galega. A iso se lle suman as visitas guiadas pola sede e pola densa historia de Artesanos, que é ao fin e ao cabo a da cidade. E a intención é ir a máis na súa oferta, tal e como confirma o seu presidente, que insiste en que «estamos abertos para todos os coruñeses»

-E os coruñeses responderon á oferta de Artesanos.

-Si, está funcionando ben. E non inventamos nada novo, que isto é o que ofertou Artesanos toda a vida: cultura e ocio. Pero a xente ten ganas de este tipo de cousas e nos estamos encantados. Tan pronto como nos deixaron saír ás rúas e ir facendo cousas empezamos a pensar qué podíamos facer. Puxemos en marcha o ciclo de conferencias, xa que temos uns locais moi amplos que permiten manter distancias. No salón no que facemos as conferencias, por exemplo, a pesar das restricións puidemos meter a unhas corenta persoas coa súa distancia de seguridade. E enchemos cada cita.

-E as visitas guiadas tamén funcionaron.

-Outro éxito. Están pensadas para que duren menos de unha hora e se están estendendo ata as dúas horas porque a xente non para de preguntar cousas.

-Ten vostede especial preocupación pola biblioteca?

-Non creo que minta se afirmo que debe ser a biblioteca privada máis importante de Galicia. Pero está abandonada, sen catalogar sen informatizar. Facelo tería un orzamento de máis de 100.000 euros, e son momentos moi malos para pedir axudas. Pero para min é unha prioridade. Se deixo arranxado o tema da biblioteca no meu mandato pensarei que teño cumprido con Artesanos e coa cidade.