Emilio Grandío: «Supoño que o precedente de Meirás axudará a recuperar a casa Cornide»

montse carneiro A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

EDUARDO PEREZ

O historiador que elaborou o informe sobre a transmisión da mansión a Carmen Polo por un prezo 13 veces inferior ao da poxa subliña a posición dos Franco na ditadura: «Non eran unha familia da élite, nin sequera estaban por riba da élite. Érano todo»

15 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ditadura a parte, Emilio Grandío quéixase dos problemas dos historiadores para entrar nos arquivos a indagar os anos 1975-78, cruciais para saber o que pasou. «Non podemos quedar con dúas nocións maniqueas do pasado, beneficien a quen beneficien. Hai que afondar no estudo de xeito crítico e con distancia, e xa van 40 anos. Penso que non hai nada menos lesivo que o traballo dun historiador. É o máis beneficioso para todos, para todos», recalca o profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) que elaborou o informe sobre a casa Cornide.

-Como se amañou a transmisión da casa a Carmen Polo?

-Primeiro pasa da Dirección Xeral de Belas Artes ao concello a través dunha permuta que negociara Alfonso Molina coa idea de atraer aos Franco á Coruña. Póxase de maneira moi rápida, o 3 de agosto do 62, venres, por 360.000 pesetas; adquírea Pedro Barrié por 305.000, e máis rápido aínda, o luns, pasa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, un 1.220 % menos. No pleno que sanciona a poxa xa se di que Barrié ten intención de cedela a Carmen Polo. E despois fáiselle un expediente de plusvalía por 90.000 pesetas.

-¿Cal é a primeira referencia da relación entre a familia e a casa?

-A carta de Ricardo Catoira do 1 de agosto. Antes só hai rumores, pero nada testemuñado. Catoira era xefe da casa civil do Xeneralísimo e encargábase de atender as cousas cando viaxaban. Un día antes da poxa envía unha carta ao subsecretario de Facenda agradecéndolle que lle diga de que maneira unha cousa pública pode pasar á «Señora». Ao subsecretario de Facenda, que un ano antes fora responsable de Patrimonio da Dirección Xeral de Belas Artes, á que pertencía a casa Cornide. Non había ninguén mellor para aconsellar como facelo.

-E axiña empezan as reformas.

-Unha das cousas que menos se mencionan é que a casa Cornide estaba nunha situación de absoluto deterioro. Chamoso Lamas, o famoso comisario de Patrimonio e en grande parte acelerador do proceso, manda unha carta a principios do 62 ao alcalde Peñamaría de Llano dicíndolle que está buscando un lugar para un museo, e aí aparece retratada a casa. Di que ten as portas abertas, que a xente bota o lixo dentro... O deterioro é brutal. E empeza o proceso. Antes de que Barrié a compre arránxana minimamente, pero as grandes obras veñen entre o 62 e o 64, cando o Concello gasta un millón de pesetas, e entre o 72 e o 76 (outros 1,5 millóns). Nalgunha factura mesmo se indica que é un ben municipal cando evidentemente non o era.

-Que uso lle daban?

-Hai algo curioso de Carmen Polo. Cando viña co marido no verán quedaba na residencia oficial de Meirás, pero ela soa podía vir dúas ou tres veces ao ano, porque tiña moitas relacións na Coruña, e precisaba a casa, de aí o interese de Molina e Peñamaría de Llano. O curioso (cremos, porque é moi difícil seguirlle a pista pola opacidade da información na ditadura) é que recibía ás amizades na casa Cornide pero parar paraba no hotel Embaixador. Ata que morre Franco. Aos dous ou tres meses, a primeira saída que fai é á Coruña e entón comeza a ocupar a casa como vivenda, xusto ao morrer Franco.

-Como o interpreta?

-Non sei a motivación. O pazo de Meirás a el debíalle de gustar, pero a Carmen Polo resultáballe demasiado grande e frío, non era unha casa. Nós chegamos a onde chegamos. A ditadura non é un sistema que deixe apertura de información, e canto máis tempo pasa máis complicado é buscar pistas. Non nos atrevemos a avanzar o que non está comprobado. O que se presenta está testemuñado. Outra cousa é que sirva diante dun tribunal.

-Co precedente do pazo de Meirás, será mais fácil recuperar a casa?

-Non me quero meter niso. O certo é que a casa Cornide foi pública e boa parte dos arranxos custeáronse con cartos públicos. ¿O precedente de Meirás axudará? Supoño que si. No noso sistema xudicial os antecedentes non teñen o peso do británico ou o estadounidense. A nosa xurisprudencia é máis ríxida. Pero todo axuda e iso máis. O grande salto, que quedou ben claro na primeira sentenza do pazo, é a diferenza clara entre o que significan os usos nunha ditadura e nunha democracia. E iso comporta todo. O pazo da Meirás, a casa Cornide e as estatuas. Porque non estamos falando de calquera persoa, estamos falando dunha familia que evidentemente no era unha calquera, nin sequera estaba por riba da élite do sistema. Érao todo. Moitas veces non se pon o foco niso pero é importante e a grande clave do éxito (entre aspas, porque está sub iuduce) do caso de Meirás. Iso vai determinar todo. Tíñase que facer hai moito tempo, non se fixo, pero penso que vamos por moi bo camiño.

«Posiblemente aquí a Transición non se puido facer doutra maneira»

Emilio Grandío explica por que o proceso de recuperación dos bens usurpados pola familia do ditador non se fixo antes.