A idade de Pardo Bazán (1851-1921)

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

A CORUÑA CIUDAD

Cabalar | Efe

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dona Emilia naceu un 16 de setembro na Coruña. Como a todos os nados nos últimos meses do ano, debía de molestala que a partir do xaneiro seguinte lle engadisen un ano á súa idade, cousa molesta cando te achegas ao cambio de década. Non é igual ter 49 anos que ser anticipadamente unha cincuentona. Cando estaba xa moi preto dos setenta, dona Emilia resolveu a cuestión cambiando a súa data de nacemento. Nunha entrevista, El Caballero Audaz pregúntalle: «¿Cuántos años tiene usted?». E dona Emilia responde: «Nací en A Coruña el 16 de septiembre de 1852». Non foi un lapso da autora nin unha errata de imprenta. Noutra entrevista, moi preto da súa morte, a Enrique Estévez, que lle pide «oír de sus labios» a historia da súa vida, dille: «Nací en 1852».

Dona Emilia era coqueta. Gustáballe acicalarse e estaba moi ao tanto da moda. Os seus comentarios sobre os vestidos ou os chapeus femininos son frecuentes nas súas crónicas de A vida contemporánea. Adoitaba acompañalos de observacións sociolóxicas ou hixiénicas, como dicir que as saias longas son indispensables para os salóns, pero que na rúa só serven para aliviar o traballo dos barrenderos, «atesorando porquerías y detritus» que introducen no fogar. Outras veces, sinxelamente, goza describindo os vaporosos traxes primaverais parisienses: «Un poco de aire tejido, una envoltura transparente de crisálida». Morreu en Madrid, deixando tras si unha inxente obra, o 12 maio de 1921, moito ollo!, aos 69 anos, como a ela lle gustaría resaltar.