Muíños de vento

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

A CORUÑA CIUDAD

Antiguo muíño de vento na rúa Gramela, na Coruña
Antiguo muíño de vento na rúa Gramela, na Coruña

27 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha boa parte da miña vida vivina na rúa Gramela integrada no populoso barrio do Agra do Orzán da Coruña. Daquelas un barrio conformado por xentes que proviñan de diferentes lugares de Galicia buscando unha vida mellor na cidade e un espazo que se foi urbanizando dun xeito bastante descontrolado sobre o que antes eran eiras e terreos de labradío.

Diante da miña casa estaba o muiño de vento da Gramela, unha auténtica xoia da nosa etnografía que nos anos 80 foi desmontado para, supostamente, non interferir no desenvolvemento urbanístico deste lugar e situalo posteriormente noutro enclave máis axeitado da contorna. As súas pedras estiveron amontoadas durante case 20 anos no parque de Santa Margarida ata que decidiron trasladalas a unha nave da Grela para evitar un maior deterioro, e a día de hoxe alí seguen.

Os muíños de vento son estruturas de planta circular e poden chegar a medir varios metros de altura rematando con cubertas que poden ser fixas a dúas augas cun dobre sistema de aspas como os que están no cumio do Monte Abalo en Catoira, únicos en Europa, e outros rematados cunha cuberta cónica xiratoria que busca a dirección do vento para aproveitar a súa forza, que veñen ser a maior parte dos 126 catalogados na actualidade en Galicia, algúns deles moi ben restaurados e coidados. Os primeiros muíños de vento na nosa terra están datados no século XVI e todos foron situados na costa onde o vento poucas veces falta. A cidade da Coruña chegou a ter bastantes muíños deste tipo como está documentado en diferentes escritos e como tamén pode constatarse en antigos gravados e pinturas nas que se pode ver unha estampa ben curiosa e singular da cidade.

Eu, por idade, só coñecín a estrutura básica e bastante ben conservada de dous daqueles muíños: o do parque de Santa Margarida do século XVIII onde xoguei moitas veces na miña nenez e que foi restaurado no ano 2009 e tamén o da Gramela, onde eu vivía, desmontado pedra a pedra, amoreado actualmente nunha nave á espera da súa digna reconstrución en calquera espazo deste benquerido barrio do Agra do Orzán das miñas raíces.