No tránsito inacabable da pandemia que nos azouta, distanciados da familia e dos amigos, o martelar cotián das cifras de casos rexistrados, defuncións, ingresos hospitalarios, por non falar dos danos irreparables en moitos sectores da economía, está levándonos ao límite. Sexa como for, non queda outra que obedecer, desexar a saída ao recreo, como nenos e, namentres, gozar da literatura e a escritura, o cine e a música na casa, as vías que poden levarnos a outras realidades evocadas ata que poidamos recuperar a vida en sociedade.

Amais desas carencias, para os de dentro o mar empeza a parecer unha quimera. Desde Compostela, tan preto e tan lonxe de moitas ribeiras, é como o desexo dun paraíso, un monumento fluído co que soñar. Desfila pola memoria toda unha vida gozando do mar. Os veráns da nenez en Perillo, cruzando en barca ata A Coruña, ou en Bouzas, velando a chegada dos transatlánticos á baía tranquila. A xuventude en Barcelona, buscando os areais entre as zonas industriais, convertidas hoxe en grandes espazos de lecer. Na madurez, percorrendo as costas, praias e acantilados de calquera parte do mundo.

Hai tantos mares como sentidos: o reflector que reproduce como un espello o perfil urbano, o nocturno no que tremelocen a lúa e as estrelas, o mar ao norte co sol pola costas. O noso mar do Noroeste, co infinito ao fondo, que polo serán se acende coas nubes que acochan o sol. As mareas que acompasan o devalar das horas con brillos que se deslizan, como un límite móbil onde se libra a disputa entre a tenacidade da onda e a lixeireza das areas. O mar do verán e do inverno, dos olores salgados ou de materia en descomposición; o goce de mergullarse no seu seo ou de flotar nun dolce far niente. O mar bravo, rompente, o mar de continente a continente, o do soño de ida e o soño de volta… Sen mar, fáltanos algo. Os paseos coa mirada descansada, afundindo os talóns na arena, ensumíndose no silencio, a gardar as palabras que están sen estrear porque as que se din lévaas o vento e pérdense na zona húmida, só quedan pegadas que a próxima marea borrará.

Botamos de menos bordear a península da Coruña, de Riazor á Marina, coas edificacións brancas polas que a cidade respira como un plénum; percorrer Vigo en transversal, desde o Castro por Peniche ata Beiramar e flanqueando as murallas dos estaleiros ata Alcabre; ou as fermosas marxes da ría de Pontevedra. Neste paseo imaxinario vénme á mente Ferrol, co mar medio pechado, que necesita unha maior solidariedade para non quedar atrás.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Sen mar