Un paso (fiscal) firme cara a unha cidade máis xusta

A CORUÑA CIUDAD

Praza de María Pita (A Coruña).
Praza de María Pita (A Coruña). César Quián

«Este goberno diminuíu a carga fiscal de forma selectiva pensando nos colectivos sociais que máis precisan dunha bonificación ou rebaixa»

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A aplicación dun sistema tributario universal, xusto e progresivo, cimenta a definición dos estados modernos. Non hai estado do benestar se non hai impostos. O debate sobre o xusto alcance dos tributos non é novo e, de feito, serve para clasificar con prístina claridade a postura ideolóxica que cada quen ocupa. O goberno de Inés Rey ten clara a súa. A redistribución das cargas en función da capacidade de cada un, e non as rebaixas indiscriminadas, é a esencia da xustiza fiscal, porque só con recursos pode unha Administración poñer en práctica políticas progresistas como as que este executivo ten implementado.

A dereita populista cando goberna sube impostos, como fixeron Rajoy e Montoro co IBI e cando son oposición teñen unha tendencia cíclica a propoñer baixadas indiscriminadas de impostos sen explicar cómo financiar os servizos públicos que prestamos aos cidadáns. Un Concello sen recursos non é quen de facer o que fixo Goberno de Inés Rey implantando un plan, o PRESCO, único en España. Non é quen de impulsar a modernización urbana, que a cidade precisa, apostando polas humanizacións e a accesibilidade. O Concello da Coruña ten hoxe unhas ordenanzas fiscais máis xustas. Porque quen herde a súa vivenda habitual e careza de amplos recursos, aboará tres veces menos de plusvalías que ata agora. Porque os hostaleiros, coa que está a caer, non pagarán as terrazas no 2021, porque as entidades financieiras, que aboaban ata o de agora unha das taxas máis baixas de España polos caixeiros na rúa, terán que contribuír máis, e porque por fin un goberno municipal da un primeiro paso para poñer limitacións  a expansión sen freo das casas de apostas.

Este goberno diminuíu a carga fiscal de forma selectiva pensando nos colectivos sociais que máis precisan dunha bonificación ou rebaixa. Facémolo con rigor e sabendo que manter os servizos públicos, mellorándoos ano a ano, precisa de recursos económicos que proveñen dos impostos que pagamos os coruñeses e coruñesas.

A prioridade en 2021 será axudar á reactivación económica, mellorar as políticas sociais e por en marcha novos e ambiciosos plans de transformación da cidade.

Non debemos nunca confundir os dereitos coa caridade, e para garantir o acceso universal aos servizos públicos é fundamental a xustiza fiscal.

Debemos axudar ás empresas e emprendedores a crear riqueza, primeiro paso fundamental para despois poder redistribuíla e favorecer a igualdade de oportunidades.

O camiño fronte ao populismo e a demagoxia fiscal son as políticas económicas que favorecen o emprendemento e non o penaliza, e tamén aquelas que redistribúen a riqueza e non deixa a ninguén atrás, construíndo unha sociedade máis xusta socialmente. É o camiño que tomou esta cidade en 2019 da man de Inês Rey, en definitiva rigor fiscal frente a populismo.