Sés: «As Rosalías van por diante, mandan»

Ana Abelenda Vázquez
ana abelenda A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

cedida

A cantareira incansable acende a xira en Galicia do seu sétimo disco, «Liberar as arterias»

06 mar 2020 . Actualizado a las 11:40 h.

A súa é unha determinación precoz. Aos 17, María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1983), decidiu que ía vivir en galego. «Un día díxenlle a miña nai: “A partir de hoxe vou falar galego sempre”. Miña nai riuse, pero marchoulle a risa rápido, porque como dixen, fixen», conta a cantareira, en xira de presentación do seu sétimo traballo, Liberar as arterias. O disco, revolución de longo e fondo percorrido, comeza coa canción que lle dá nome, tomada dun verso de Luz Fandiño. Sés alenta e derruba, ofrece acubillo en Quen son os meus e conclúe demoledora con A bala vendida, que dedica «a todas as loitadoras, a todas as mulleres». «Nós seguimos sendo as traizoadas. Todos nacemos dunha muller, pero ningún fillo soubo tratala aínda como o que é», asegura.

­-Escoitala incomoda, fura, abre os ollos.

-Hai que abrir os ollos. Se non ves o que hai, tampouco podes cambialo.

­-Sempre viu tan claras as cousas?

-Que cousas?

­-O machismo, a inxustiza.

-Si. Máis que o machismo, que tamén, a pirámide na que estamos inmersos. A todos os niveis hai unha pirámide, o sistema é vertical. Coñezo a opresión como muller, por ser dunha familia de clase traballadora e por falar unha lingua. Sinalo a desigualdade en todos os niveis, a simpleza do «esto es cool, esto no». Porque o canónico é unha mentira. Xa de pequena vin cousas... Doíame ver como se metían coa xente galegofalante. A min criáronme en español, na Coruña, e doíame ver que se metían con rapaces que tiñan ton galego. Aí empecei a darme conta de que, se os insultaban a eles, tamén me insultaban a min, aos meus curmáns, á miña avoa. E decidín falar galego sempre.

-Mantese fiel ao seu, e á rebeldía.

-Non é rebeldía, é resistencia. Non son de quedar calada ante gilipolleces e cuñadismos. Eu son unha resistente, pero dende o amor e a vitalidade.

-Nos seus temas non hai unha radicalidade na entrega ao amor, senón na toma de conciencia e na loita pola liberdade.

-Totalmente. Existe unha estrutura social e económica, tamén emocional. Ambicionamos o poder, que nos volve uns xonquis dese propio poder, de querer máis. A violencia estrutural entra nas relacións de parella.

-Pode existir un mundo sen relacións de poder, sen xerarquías?

-Pode vir coa educación. Somos bos por educación. Igual que un neno con 3 anos xa ten aprendido «Tú no puedes hacer esto porque eres una niña», pode aprender o contrario. Infalible non hai nada, pero a norma pode ser outra. Merece a igualdade a loita dende a educación? Si. Nós non estamos traballando para ser libres, mentalízate!, estamos traballando por que algún día exista unha xeración de mulleres libres. Traballo desde a desesperanza sen contemplar a decepción. Miña nai sempre di: «Á nosa Sés o que a mata é o mesmo que lle dá a vida». É certo.

-Sinálana por cantar e falar en galego?

-Máis por falar que por cantar. Que dean por sentado que non teño estudos porque falo en galego pasoume mil veces, cando con 25 anos tiña dúas licenciaturas. Estamos, ao nivel de lingua, peor que hai 30 anos. Eu como, ademais, non reneghei da gheada nin nada, peor. Na aldea hai tanta cultura -e tanta lectura- ou máis que nun garito cool de Madrid. Os paletos máis grandes están en Londres, Madrid, Nova York... Aí é onde está o cosmopaletismo.

-No primeiro tema do disco, «Liberar as arterias», hai tamén unha crítica ao sistema literario, aos puntos cegos.

-Non son de facer as homenaxes cando a peña morre. Eu os premios xa non os recollo, non os quero, orxías compracentes, amiguismos... unha vergonza. Para min o premio é un teatro cheo. Teño visto premiados e premiadas con 50 persoas nun teatro de mil, no mesmo teatro que á semana seguinte enchín eu dúas veces. Que pasa, que o público é parvo?

-Tampouco se trata de bendicir sempre o criterio do público, non?

-Hai que diferenciar a música e o entertainment. Non se poden poñer algunhas cousas que escoitas na radio ao nivel de Silvio Rodríguez. Nin os Rambos ao nivel de El gran dictador.

-Non todo vai ser trap e reggaeton...

-Son unha gran defensora do trap e do reggaeton. Eu crieime co punk e o rock and roll, e música máis machista non hai. O pop alenta a submisión. Se teño unha filla prefiro que cante «A mí me gustan mayores» que «Ay, no me dejes». As Rosalías de agora van por diante, mandan. Non podemos infravalorar a esta xeración. Cando vou aos institutos e vexo como me falan os rapaces, alucino. Estano facendo moi ben para telo tan difícil todo. Están poñendo por diante a igualdade, a ecoloxía. Son máis intelixentes e empáticos ca nós, son mellores ca nós.

-«Son vasala na vitoria, na derrota son señora, e en ambas pido perdón», canta. Aí se recoñecerán moitas mulleres.

-Todas. Aí estamos todas. Por desgraza, non naceu ata agora ningunha muller que gozase plenamente dos seus dereitos.

  • VIGO Teatro Afundación, día 6, 21.00 horas 
  • LUGO Sala Tebras, día 14, 21.00
  • A CORUÑA Pazo da Ópera, día 22, 19.00 horas
  • NARÓN Pazo da Cultura, 3 de abril, 20.30 horas
  • PONTEVEDRA Pazo da Cultura, 4 de abril, 21.00
  • SANTIAGO Auditorio de Galicia, día 26, 19.00 horas