Recoñecen ao doutor García-Sabell polo seu labor a prol da menciña e o galego

A Isaga rendeulle unha homenaxe en Santiago que incluíu o descubrimento dun busto


Santiago / LA voz

Domingo García-Sabell (Santiago, 1909-A Coruña, 2003) foi escritor, presidente da Real Academia Galega e delegado do Goberno. Pero onte a Irmandade da Sanidade Galega (Isaga), integrada por traballadores dos sectores público e privado así como por profesionais da docencia, recordou ao doutor, nunha xornada na que se recoñeceu o que representou para a menciña e o seu labor ensaístico en lingua galega, nuns tempos nos que era unha excepción.

A homenaxe, que tivo lugar na súa cidade natal, comezou co descubrimento dun busto de José Molares na rúa Domingo García-Sabell. Alí estiveron presentes autoridades, profesionais da sanidade, familiares e amigos. A continuación tivo lugar un acto académico no pazo de Fonseca. Nel interviñeron a súa filla, Teresa, en nome da familia; Xoaquín Monteagudo, presidente da asociación Funcionarios para a Normalización Lingüística (entidade na que se integra Isaga); Pablo Vaamonde, ata hai pouco coordinador da irmandade; Flora Miranda, nova coordinadora da mesma; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé A. Bugallo, alcalde de Santiago; Antonio López, reitor da USC; e o profesor Ramón López Vázquez, encargado da laudatio coma experto no homenaxeado.

Monteagudo definiu ao que foi o doutor de Valle-Inclán nos seus últimos anos coma «un home bo e xeneroso», un «orador excepcional» e «un xenio». Para Vaamonde, a incorporación do compostelán como irmandiño de honra «era absolutamente necesaria». E afondou nesta idea López Vázquez, autor do libro Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía, impulsado polo Centro Ramón Piñeiro e a Consellería de Cultura, que con motivo da homenaxe sacou unha segunda edición revisada e aumentada.

López Vázquez celebrou o memorial polo doutor que «sabía moito de menciña», con fama de ter bo ollo clínico, pero tamén «coñecedor da psicoloxía dos galegos, enfermos ou sans». Era de xustiza, dixo, pór nun espazo público un busto que o recordara. E Teresa García-Sabell falou do compostelán de espírito positivo que recorreu toda Galicia visitando aos doentes e que fixo a carreira de Medicina «pola curiosidade de coñecer o funcionamento do organismo humano e para axudar á xente que máis o necesita».

Vaamonde recordou que un obxectivos da Isaga é o impulso da lingua galega no ámbito da sanidade e «non vivimos momentos moi positivos». A nova coordinadora da irmandade incidiu en que neste campo «a comunicación é vital e non pode haber mellor comunicación que cando falamos unha lingua común». Acto seguido, tivo lugar o nomeamento de máis de vinte novos irmandiños, residentes e profesionais veteranos, que referendaron o seu compromiso co emprego do galego na súa actividade profesional.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Recoñecen ao doutor García-Sabell polo seu labor a prol da menciña e o galego