Os desafíos dunha cidade arquipélago cada vez máis vella

Carlos Ferrás TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA CIUDAD

Envejecimiento
Envejecimiento MARCOS MÍGUEZ

«Temos que pensar xa definitivamente nunha cidade desconcentrada, metropolitana, que desbordou sobre concellos e parroquias próximas», apunta o profesor da USC Carlos Ferrás

12 feb 2020 . Actualizado a las 09:31 h.

cidade da Coruña é un dos máis importantes motores de tracción da economía galega. Non hai dúbida que a innovación, o empredemento industrial e a difusión das novas ideas introducíronse na sociedade galega a través desta cidade, fundamental no desenvolvemento do sistema bancario e dos servizos especializados, pero tamén no eido industrial e modernizador.

Todo isto acontecía nunha cidade de xente nova cunha demografía dinámica capaz de atraer novos veciños procedentes do rural e tamén doutras cidades e municipios galegos e de fóra de Galicia. Hoxe en día o escenario mudou pero A Coruña expandiuse cara á súa periferia; temos que pensar xa definitivamente nunha cidade desconcentrada, metropolitana, que desbordou sobre concellos e parroquias próximas. Unha cidade metropolitana que actualmente soporta numerosos desprazamentos diarios dunha magnitude inimaxinable a finais do século pasado.

Parece que A Coruña hoxe en día é unha cidade arquipélago, unha sorte de illas e illotes de urbanizacións e pequenos pobos, vilas e aldeas dispersas na súa bisbarra que requiren ordenación e planificación. O núcleo central urbano é o Concello de A Coruña e resulta que hoxe en día amosa un proceso de avellentamento preocupante, xa case na media galega, de 47 anos. Hai que comezar a preocuparse! pois unha cidade central sen xente nova será unha cidade conservadora moi diferente á cidade innovadora do pasado.

Debemos pensar que o avellentamento reflicte sobre a cultura pero tamén sobre a economía local; xa se poden albiscar cambios no comercio, nos servizos educativos, sanitarios e sociais. Haberá que afrontar desafíos importantes nas políticas urbanísticas, de vivenda, de promoción económica, de mercado de traballo… Pero non hai dúbida que deberá ser en sintonía cos concellos da súa área metropolitana, pois conforman un sistema integrado de asentamento de poboación que require ser ordenado e planificado como un conxunto.

Se as familias e xente nova busca vivenda máis ampla a prezos máis vantaxosos na periferia urbana, xorde a pregunta de como o Concello da Coruña pode anticiparse co fin de frear a expulsión da súa poboación. Non esquezamos que o avellentamento é xeral na sociedade galega, pero o feito de que as cidades máis grandes e dinámicas destaquen por isto é altamente preocupante. As institucións galegas necesitan definir un proxecto de país urbano e, neste contexto, asumir definitivamente que a cidade da Coruña e os municipios de súa periferia, Arteixo, Oleiros, Cambre, Culleredo, etc., conforman unha grande área metropolitana que require ser vista como un sistema urbano integrado que necesita políticas demográficas dinámicas e avanzadas á súa medida.