Telefonía

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

A CORUÑA CIUDAD

22 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda me dá algo de vertixe pensar canto mudaron as comunicacións telefónicas en tan pouco tempo; mais vendo a velocidade de como evolucionan as tecnoloxías penso que me dá máis medo o que poida vir, en definitiva, o descoñecido. E digo medo porque non sei se os nosos cerebros están preparados para asumir o aceleramento de tantos cambios, tan continuados e tan influentes nas sociedades nas que vivimos. Supoño que todo estará minimamente calculado pero a min persoalmente, como á maioría das xentes do común, escápasenos.

Lembro a chegada do primeiro teléfono á casa dos meus pais na Coruña. Era un dos de marcar na roda que estaba instalado no cuarto dos meus pais. Posteriormente se lle engadiu un supletorio na sala. Máis tarde chegaron os dispositivos sen fíos e o feito de poder falar e andar no perímetro de cobertura xa era o máximo. Tamén recordo aquel único teléfono público que había na miña aldea. Estaba na taberna da Ernestina e cando establecías comunicación dende A Coruña parecía que estabas falando en conferencia coa lúa, con todo tipo de chicharras sonoras e ruídos varios.

Era o número 21 de Niñodaguia; pero previamente había que chamar á central de Esgos para que conectaran con ese número. Unha vez establecida a comunicación chegaba a segunda parte, que era ir avisar ao meu avó que vivía como a 200 metros daquela taberna e acto seguido que collese o teléfono correctamente. Toda unha odisea que duraba entre 15 e 30 minutos aproximadamente; iso indo aos días nos que saía todo á primeira.

Non hai tanto tempo chegaron os primeiros móbiles, grandes e aparatosos pero que permitían unha comunicación moito máis autónoma e que para determinadas cousas eran un gran avance. Despois foron reducindo o seu tamaño, fixéronse moi populares e as comunicacións a través destes dispositivos melloraron considerablemente. Hoxe os móbiles son un aparello de comunicación e de ocio absolutamente incorporado á nosa sociedade, parece que sempre estiveran con nós. Pero non, non hai tanto tempo as comunicacións humanas eran doutro xeito. E eu doulle a benvida sempre e cando os excesos da súa utilización non interfiran nas nosas vidas e nos convertan noutra cousa. Ollo!