Xúbilo nos peiraos
O 22 de decembro, ás once, nos encerados postos polos periódicos nas rúas, anotaron o cuarto premio: 51862. Na rúa Real unha muller empezou a berrar contenta. «¡Está na fábrica de tabacos… eu levo unha peseta!». Alá foron os periodistas de La Voz de Galicia, El Orzán e El Ideal Gallego. A algarabía reinaba en case todos os talleres. Moitas mulleres xogaran ese número e Foto Blanco inmortalizounas. O xúbilo tamén se espallou polos peiraos, A Palloza, A Gaiteira, Santa Lucía, A Grela, A Moura, Vilaboa e moitas aldeas da periferia. O premio estaba moi repartido, pois ademais das participacións de unha peseta, había outras de 50, 25, 20, 10, e 5 céntimos feitas por outras moitas persoas modestas.
No Muro as peixeiras cantaban a súa sorte dicindo «Trinta pesos por un patacón!», xogaran 10 céntimos e gañaran 150 pesetas. Houbo foguetes. Non era para menos. Segundo o INE, o salario-hora medio das cigarreiras era 0,71 pesetas. Ademais era a primeira vez que caía un premio grande na cidade, pois o primeiro de 1903, mercado na Coruña, marchara para Cuba.