Xoán Piñón expón en A Coruña o «patrimonio fotográfico» elaborado en 30 anos

A súa primeira mostra no Kiosco Alfonso inclúe nove coleccións

Detalles de dos de las obras que se pueden ver en la muestra
Detalles de dos de las obras que se pueden ver en la muestra

«Son coleccións persoais que as fas para gozar; é algo que te libera das cousas que tes na cabeza e queres contar». Así explica Xoán Piñón (A Coruña, 1951) o contido das nove «coleccións temáticas e pechadas» que forman a exposición que inaugurou esta semana, no Kiosco Alfonso da Coruña. Aí está, en case 140 imaxes, unha gran parte da súa traxectoria fotográfica durante os últimos tres decenios, nos que, apunta, foi «facendo patrimonio sen moito ánimo de exposición». Son fotografías nas que aparece O Courel —«estiven indo alí durante doce anos, ás veces para volver sen unha soa foto»—, o barroco galego, desde o máis poderoso como San Martiño Pinario ao humilde de pequenas igrexas, as Espirais, dedicadas ao universo feminino, ou esa ampla Galicia, terra nai. Claro que unha serie coma a do Courel «leva 20 fotos, pero podería levar 60 ou facer a exposición só con ela. Foi bastante complicado elaborar a escolma».

Explica Piñón que a mostra recolle un período da súa vida que vai desde 1977 ao 2007, «con fotos que están moi espazadas no tempo e que ás veces observo como moi inxenuas; véxome a unha distancia tremenda, con cousas vangardistas, abstractas, oníricas, psicodélicas, diría eu, e cunha cultura bastante desa época...». Neste senso, salienta a enorme diversidade que se dá entre as imaxes de cada unha das coleccións.

Piñón, licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago —exerceu durante sete anos—, fala do efecto terapéutico da fotografía. Tamén da súa paixón polo retrato, co que quere «entrar na zona sensible, na esencia das persoas e as súas paixóns. O retrato é algo que me encanta». A súa primeira serie foi a titulada Iluminados, que forma parte desta exposición, e que realizou xusto cando estaba deixando o exercicio da medicina: «Fun desenganchando da medicina e enganchando na fotografía». Acabou por especializarse nos ámbitos da moda, o cine e a publicidade.

Esta mostra, a primeira individual que Piñón abre no Kiosco Afonso, na súa cidade natal, inclúe unha serie con fotos feitas en Madrid, A Coruña, Nova York ou Dublín, e outras de músicos como Anxo Pintos, compoñente do grupo Berrogüetto: «É unha miscelánea que toca de todo, por iso se chama Diversas». Tamén ten retratos tanto de xente do cine como de persoeiros galegos como Isaac Díaz Pardo. Piñón, que tamén ten unha longa carreira musical como compoñente de formacións como Doa, fai habitualmente as fotografías fóra do seu traballo, aínda que «o límite entre a creatividade do mundo profesional e o mundo de autor é moi pequeno, porque ao final segues sendo ti o que fas as cousas».

Outras «cinco ou seis series» de fotografías de Piñón quedaron fóra desta mostra.

Un catálogo moi literario

Explica o fotógrafo que está especialmente satisfeito do catálogo da exposición, xa que, di, non ten moitas publicacións. Cada unha das coleccións que expón ten o seu texto: así, Manuel Rivas escribe sobre Galicia, terra nai; Xavier Seoane sobre Espirais; Juan Ramón Vidal Romaní d’O Courel, a memoria de Galicia; o arquitecto Xosé Lois Martínez de Cámara barroca; Mónica Sabatiello de A horta de Carnati. Alterados; José Ramón López Calvo de Iluminados; Manuel Vilariño, Premio Nacional de Fotografía, asina o texto titulado Compañeiro; e Antonio López Mariño é o autor da biografía de Xoán Piñón.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Xoán Piñón expón en A Coruña o «patrimonio fotográfico» elaborado en 30 anos