Defensora do acceso á lectura e á información para todos

Marimí Carro era directora da biblioteca do barrio de Los Rosales de A Coruña

Marimí, bibliotecaria
Marimí, bibliotecaria

Milagrosa Carro -Marimí- esposa de Pachi, nai de Belén, filla de Feli, avoa de Cloe e Mario, compañeira, amiga, bibliotecaria... marchou coas follas do outono e deixounos perplexas e tristes ás persoas que compartimos dun xeito ou doutro o seu día a día.

Contribuíu ao impulso, extensión e calidade dos servizos da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña desde a súa creación e como directora da Biblioteca Os Rosales dende os seus inicios no ano 2009. Defendeu o acceso á lectura e á información para toda a cidadanía, formou as novas xeracións de profesionais das bibliotecas, e sempre colaborou con entusiasmo e dedicación co traballo e cos proxectos proporcionando rigor e coherencia. En calquera circunstancia sabías que traería cordura, enerxía e sensatez. Analizaba os problemas con ecuanimidade, tiña en conta a opinión das partes, transcendía o momento e a súa visión integradora e equilibrada levaba desacordos e diferenzas cara á comprensión e a tranquilidade.

Era divertida, humilde a pesar dos seus logros profesionais e das súas brillantes características persoais. Botaremos de menos tomar un café con ela no descanso do traballo, acompañala mentres fumaba un cigarro e miraba para arriba para botar o fume e soltar o que ela dicía que era unha maldade, camiñar a paso lixeiro cara a unha reunión, vela absorta diante da pantalla analizando datos, compartir ideas, propostas, ilusións do traballo, da familia, da vida… Charlar con ela. Ai, canto imos botar de menos charlar con ela!

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Defensora do acceso á lectura e á información para todos