O tren


Haberá un mes ou por aí, publicabamos en La Voz que o tren máis lento de España é o que enlaza A Coruña con Ferrol, que apenas pasa de 50 quilómetros por hora, en vías de ancho convencional, porque nas estreitas da vella Feve aínda era peor. Unha vez mandamos ao fillo ata Asturias nun deses (dato real) e case nos pasa coma nas viaxes no tempo á velocidade da luz, pero ao revés: o que chegou moito máis vello ca nós foi ao revés.

A verdade é que esa reportaxe estaba chea de datos contrastados e irrefutables sobre as liñas de toda España, pero eu teño algo que achegar: non é certo. O tren máis lento de España, que digo de España, do mundo, é o da Costa da Morte. O que nunca se fixo, o que nunca se fará. O tren máis lento é o que nunca tivemos nin teremos.

Naturalmente falo do das tres ces, o da Coruña a Carballo e Corcubión. As primeiras xestións para construílo comezaron en 1877, nada menos. Pero ía arrancar en 1907, cando o Consello de Ministros aprobou un proxecto. Ata mediados dos anos vinte, xa vai para un século, o conto foi e veu, con moitos planos, moitas declaracións aquí e en Madrid (a hemeroteca é marabillosa), moitas opcións complementarias de percorrido, pero ao final o de sempre: nada. Cada vez que paso por Cerceda e vexo o que eles teñen (tampouco é que agora pare moito) dáme grande envexa, a mesma que tiña cando en Santiago amigos de moitas partes de Galicia me contaban o fundamental que fora o tren para o desenvolvemento das dúas comarcas: a empresa, o comercio, o día a día... Ata para poder estudar. Aquí perdémolo hai moito, e non sabemos aínda o mal que iso fixo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

O tren