Manuel Álvarez Torneiro, rigorosamente humano

fina casalderrey

A CORUÑA CIUDAD

PACO RODRIGUEZ

10 oct 2019 . Actualizado a las 22:39 h.

O martes fóisenos esa voz que explorou o infinito, consagrada co primeiro Premio Nacional de Poesía que recibiu a nosa lingua e que soubo quecernos con palabras perfumadas, ousadas, rebeldes, de denuncia, de compromiso, de ética e de estética, sublimes, vizosas…, con esa carga de inmediatez vital da que falaba I. Calvino, que non se pode finxir, que se sente.

Se os frechazos e os amores platónicos existen realmente, o meu con Manuel Álvarez Torneiro foi algo semellante. O achado deste poeta rigorosamente humano levoume á súa poesía, que foi un descubrimento prodixioso, coma quen dá cun filón inesgotable de beleza con infinitos ángulos.

Foi dar de súpeto cun campo ateigado de outonos, de mazás, de auga de manancial, por veces espida coma fonte primeiriza, que sabe a trigo, a chuvias fortuítas, a suor leñosa, a terra tersa, a fame selectiva, a certa espiña, a campos sementados de espadas...