Letras Galegas polos catro costados

LA VOZ A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

ÁNGEL MANSO

Os actos para conmemorar o día do galego multiplícanse pola cidade e bisbarra

18 may 2019 . Actualizado a las 10:56 h.

No Día das Letras, as actividades espállanse por toda a cidade e a comarca. Esta mañá, na praza de María Pita, o alcade, Xulio Ferreiro, membros da corporación municipal e veciños e veciñas da cidade participaron na lectura pública que se celebra dende o balcón do pazo municipal. O rexedor quixo reivindicar nesta xornada a «necesaria visibilización e recoñecemento das autoras galegas», así como o apoio dende a Administración pública á cultura e á literatura. «Non un apoio titorizado, senón un que fomente a creación e que nos asegure moitas autoras e autores aos que seguir adicándolle o Día das Letras», remarcou Ferreiro.

Á mesma hora, en establecementos como a librería Azeta, da praza González Dopeso, na Cubela, os rapaces participaban da última das actividades programadas ao longo de toda a semana con motivo do 17 de maio. Esta vez, foi un obradoiro de xogos non convencionais, dirixido por Ana Rodríguez, a inventora e creadora de Crecer Creando.

No Sporting Club Casino esta tarde (20 horas) haberá un recintal de cantigas de Antonio Fraguas, e a actuación do Ballet Bainga e a coral do Casino, mentras que no Bâbâ Bar da rúa Pérez Cepeda Os músicos César e Brais Morán despregarán, a partires das 21.30 horas, un espectáculo cheo de poesía e música no Concerto e Festa das Letras. 

Na comarca, ademáis da ofrenda floral e as gaitas en Bergondo, a mediodía, tamén ás 12, toca en Sada a Banda Municipal, na Casa da Cultura Pintor Lloréns. No mesmo sitio, pero ás nove do serán, actuarán Mofa e Befa nun espectáculo de entrada libre. Pola súa banda, Cambre programa no centro cultural de O Graxal unha peza de teatro, O estorniño Nino, a cargo o colectivo Barballocas a partir das 17.00 horas.