A RAG lamenta o pasamento da académica de honra Giulia Lanciani

Dolores Vázquez A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

A filóloga italiana era un referente internacional da filoloxía románica como investigadora da lírica medieval galega 

15 nov 2018 . Actualizado a las 12:47 h.

A Real Academia Galega lamentou hoxe o pasamento da catedrática de literatura portuguesa e brasileira no Departamento de literaturas comparadas da Università Roma Tre, membro de honra da institución. A investigadora faleceu na capital italiana e estaba considerada un referente internacional da filoloxía románica como investigadora da lírica medieval galego-portuguesa. Lanciani ingresou como membro da RAG no ano 2014 cun discurso sobre a conservación e a transmisión do corpus lírico galego, no que evocou como viaxaron de Portugal a Roma as cantigas trobadorescas a través dun códice manuscrito que copiou o humanista Angelo Colocci salvándoas para a posteridade. «Na súa alocución advertía que canto máis se avanza no estudo dos cancioneiros e da tradición manuscrita máis se pode afirmar que a lingua en que estaban escritas as cantigas chamadas galego-portuguesas non era o portugués, nin o galego-portugués, senón máis sinxelamente o galego: un galego lingua común da lírica medieval peninsular», explica a Academia.

Tamén fixo unha importante labor no eido da tradución e levou ao italiano Os escuros soños de Clío de Carlos Casares (1989), título que abriu a colección Poeti e prosatori galeghi da editorial Japadre, dirixida polo tamén académico de honra, o profesor Giuseppe Tavani, o seu esposo. Ademais, prestou atención aos poetas emerxentes de finais dos anos 90 en Miro Villar e la poesía galega di fine secolo (2006) e contribuíu con críticas e recensións á difusión das investigacións e publicacións sobre a lírica medieval feitas en Galicia ou de fitos como a tradución ao galego da Divina Comedia de Dante e o Cancioneiro de Petrarca realizadas polo académico Darío Xohán Cabana.

Os textos portugueses da Idade Moderna, especialmente os relacionados co teatro e a literatura de viaxes, centraron outra das liñas de investigación de Laciani, resalta a Academia, que di que «os seus traballos sobre autores en lingua portuguesa van desde poetas medievais, renacentistas ou barrocos como Camões, ata autoras e autores contemporáneos como Sophia de Mellor Breyner, Fernando Pessoa, José Saramago, Teresa Rita Lopez, José Luís Peixoto ou Jorge Amado. Ultimamente estaba traballando cos profesores Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra na redacción dunha historia da literatura galega pensada para difundir o coñecemento das nosas letras entre o público italiano».