Xulio Ferreiro: «Temos a conciencia moi tranquila»

O rexedor defende a actuación do seu goberno co cárcere: «Antóllaseme difícil ver aí un delito de calquera tipo»

;
Xulio Ferreiro: «Os problemas se montan cando un quere facer algo diferente do feito até agora» O alcalde de A Coruña defende a actuación do seu goberno co cárcere: «Se me antolla difícil ver aí un delito de calquera tipo»

A Coruña / La Voz

No despacho da alcaldía segue a predominar o aire rococó que sempre tivo. Algún cadro novo, pequeno, e poucos obxectos persoais delatan ao seu ocupante. Do respaldo dunha cadeira pende unha bolsa de tela co rótulo «Brutal» e na parede repousa un vello televisor que, di o alcalde, Xulio Ferreiro (A Coruña, 1974), non funciona. Nas últimas semanas a Marea sufriu unha serie de reveses, coa denuncia da Fiscalía por presunta prevaricación na adxudicación do cárcere, e co Consello Consultivo anulando a compra dos pisos do plan de vivenda, dous deles -de seis en total- mercados a un asinante da Marea. Ferreiro repasa o mandato e fala da campaña e dos vindeiros catro anos, pero a actualidade manda á hora de ordenar os asuntos.

-O PP denunciou irregularidades na adxudicación do cárcere, pero foi a Fiscalía, non o PP, quen finalmente acudiu ao xulgado.

-En realidade a Fiscalía o único que fai é analizar unha parte da historia, que é a que conta o Partido Popular, e a posibilidade de aclarar esas cuestións na Fiscalía aínda non se deu. Simplemente agardo que se poida aclarar todo o aclarable en sede xudicial, e agardo que quede en nada, porque, evidentemente, temos unha vez máis a conciencia moi tranquila. Non houbo ningunha actuación ilegal. O único que se pretendeu foi recuperar un espazo abandonado durante moitísimos anos e poñelo ao servizo da sociedade coruñesa a través dunha entidade sen ánimo de lucro. Antóllaseme difícil ver aí un delito de calquera tipo.

-O fiscal cita que faltan folios nun documento remitido desde o Concello.

-O fiscal recolle novamente unha afirmación do PP, pero non sei a que se refire. Se a pregunta é se o goberno municipal deliberadamente mutilou ou ocultou algún documento, a resposta é que non.

-Se finalmente un xuíz decide investigar [a antiga categoría de imputado] a alguén a raíz desta denuncia, que fará o goberno?

-Na Marea Atlántica todos os concelleiros asinamos un código ético e cinguirémonos a el. Di que se alguén, nunha resolución xudicial, un xuíz, razoadamente, aprecia a existencia dun delito, aplicarase o código ético [que supón a renuncia ao cargo do investigado].

-O plan de vivenda quedou reducido finalmente á compra dun piso.

-Houbo moitas actuacións que influíron no dereito á vivenda. Ampliouse a bonificación do IBI para vivenda protexida, do ICIO, no plan de acceso ao hábitat digno estamos a facer un bo traballo. As axudas a rehabilitación aumentaron... Deixar que o mercado autorregule a vivenda é máis doado, pero xa sabemos as consecuencias. Hai un ataque á liña de flotación das políticas transformadoras neste goberno. Na vivenda foi evidente. Este asunto non se explica se non é porque hai unha posición previa doutras forzas políticas contrarias a que este goberno municipal interveña no mercado. Se no cárcere tivésemos proposto unha operación inmobiliaria cun hotel de luxo onde houbese rendementos económicos suculentos ao mellor non tiñamos este problema. Os problemas móntanse cando un quere facer algo diferente do que se fixo até agora. A cidadanía pedía, nunha cidade con prezos cada vez maiores e con 19.000 vivendas baleiras, que interviñésemos nese mercado. Non o fixemos ben a primeira vez, cometéronse erros. O que temos é que facelo mellor.

-Foi unha coincidencia que dúas das seis compras do plan de vivenda foran feitas a unha mesma persoa do seu partido?

-De feito houbo, cónstame, xente de entre esas tres mil e pico que asinaron o manifesto da Marea Atlántica que se presentou e á que non se lle comprou ningunha vivenda porque non cumpría as condicións, supoño que iso no se investigou por ninguén. Non sei se chamarlle casualidade, pero en todo caso non influíu nunha decisión de compra na que non houbo ningún membro do goberno, fíxose por parte dunha comisión técnica e esa comisión sacou un comunicado dicindo que non houbera ningún tipo de inxerencia política. Todos cometemos erros, pero ninguén actuou con mala fe nin con ánimo de favorecer a unha persoa concreta fronte a outras.

-O seu goberno abriu unha vía distinta, coa mediación, para a antiga sede de Fenosa. Pódese evitar o derrubamento?

-Non quero anticipar cal é a solución final. O que se propón e é aceptado polo TSXG é que entre as partes poidamos chegar a un acordo sobre como podemos executar a sentenza. Isto é positivo porque nos vai dar seguridade xurídica. As sentenzas hai que cumprilas e nós imos facelo así. Se podemos ordenar a execución e cumprir a sentenza da forma menos lesiva, ese é o obxectivo da mediación.

-As obras de Riazor aínda non remataron. Cando estarán listas?

-Están a piques. Non sei a data concreta. A afección á bancada no partido deste domingo vai ser mínima e entendo que para o seguinte non haberá afección no interior, e seguirán as obras unicamente por fóra.

«Neste mandato, seguramente o carril bus xa non cheguemos a velo»

O goberno ten o compromiso de baixar o prezo do bus e así anunciou que o fará este mesmo outono. A rebaixa, iso si, aplicarase contra a opinión da empresa, e o caso ten moitas probabilidades de rematar nun xulgado.

-Non tería sido mellor sacar o servizo a concurso despois de declarar a caducidade da concesión?

-A caducidade tamén está recorrida nun tribunal. Isto provoca que estando o asunto sub iudice non saibamos canto vai durar a prestación de servizos actual. O Concello o que quere é licitar antes do 30 de novembro, pero despois da revisión da concesión e do que dixo claramente a CNMC, que a tarifa tiña que ser xa este ano acorde co regulamento europeo, non podemos estar parados diante dese informe claro e rotundo. Pode ser discutido nun tribunal? Claro, é normal. O posible prexuízo que derive de aí eu creo que é mínimo, estamos falando dunha cantidade de diñeiro que ou ben está nos petos dos coruñeses ou ben está na conta de resultados de Tranvías durante este tempo de interinaxe, e eu creo que está mellor nos petos dos coruñeses.

-O que segue pendente é o carril bus.

-Seguramente durante este mandato xa non chegaremos a velo. Todo este proceso da nova mobilidade está sendo complexo. Cando abordamos retos tan importantes e tan ambiciosos, como a revisión da concesión ou a nova licitación do servizo, o traballo no deseño das liñas ou a definición da rede ciclable, facémolo cos recursos de persoal que ten o Concello, moi limitados. As cousas van paso a paso e para facer unhas cousas antes hai que ter feitas outras.

-Vai mellorar a limpeza da cidade co próximo contrato?

-Ten que mellorar, o actual estaba deseñado para a cidade de hai dez anos. O reforzo do servizo é evidente, sobe 2 millóns ao ano e ten que notarse en maiores medios e en resultados visibles.

-Tamén na loita contra as pintadas?

-Ten que notarse en todos os ámbitos do coidado do espazo público. Este sempre é un tema complexo. Seguramente todos somos moi esixentes e nunca estamos enteiramente satisfeitos co nivel de pulcritude, co comportamento cívico dalgunha minoría.

Ferreiro: «Xa non somos os mesmos que en 2015»

O rexedor perfila unha campaña na que a Marea xa non venderá «a ilusión do novo», senón o feito neste mandato

E. EIroa

A oito meses das eleccións, Ferreiro encara unha campaña na que, di, non está a pensar. «Estou pensando en rematar o traballo neste mandato», afirma. Se no seguinte segue como alcalde, será o último, porque deixou claro desde o principio que o cargo non o mantería durante máis de oito anos.

-Como augura que será a campaña?

-Non o sei. En canto ás formas, ao mellor non cambia moito, pero o fondo si. Xa non somos os mesmos que en 2015, nestes anos aprendemos, medramos, temos outra perspectiva das cousas, de como funciona a institución. Agora xa non podemos mover unha campaña baseados só na ilusión do novo ou na impugnación do que se está a facer. Agora necesitamos tamén demostrar que durante estes catro anos nos volvemos máis solventes. Eses valores non podían estar en 2015. Eramos os novos, agora xa non somos tan novos, tampouco tan vellos, pero temos que presentarnos cun balance do feito.

-Despois de tres anos na alcaldía, a política engancha ou é ao revés?

-Sempre fun crítico coa política desde fóra. Desde dentro no só non cambiei de opinión, senón que a fortalecín. Seguramente hai xente á que isto lle gusta moito. Eu hai partes coas que estou encantado, o orgullo de ser alcalde da túa cidade, a relación co 99 % da xente coa que falas, a intención de sacar as cousas adiante e facer as cousas mellor, de construír unha cidade mellor. Todo isto ilusiona e empurra, a pesar da parte sumamente desagradable que ten a política, ver que ao teu redor hai moitísima xente á que o interese xeral é o último que lle importa.

-Di Jorquera que con vostede sempre tivo un trato cordial, pero que a Marea non sabe alcanzar acordos e que ten a mandíbula de cristal. Que di vostede do BNG e do seu candidato?

-Teño unha boa relación con el, efectivamente. Creo que o BNG non arrisca nada co candidato. Máis ben é un candidato que funciona ben cara a dentro. Seguramente sexa unha das razóns polas que o escolleu.

-Beatriz Mato di do seu partido que, segundo a Marea, quen non estea con eles é «un facha». Que pensa de Mato e do PP?

-O PP xa sabemos o que é. Xa o dixeron os xulgados, tivo montada unha trama ao servizo da corrupción. Sabemos que intereses defende, os de quen máis ten, e moitas veces os propios. Beatriz Mato, máis alá de que é unha persoa moi agradable no trato, representa esa liña dun PP sen proxecto para Galicia, onde os números non melloran e os grandes problemas están sen resolver.

-O PSOE aínda non ten candidato, pero, cre que podería pactar con eles despois das próximas eleccións?

-Non estou pensando no día despois das eleccións, estou pensando en rematar o traballo neste mandato e en presentarme para revalidar a maioría ou incrementala.

-Está satisfeito do cumprimento do seu programa?

-Si. Nunca se fixo ao final dun mandato unha auditoría de cumprimento dun programa. Todos tiñamos un pouco asumido que os programas eran no mellor dos casos unha declaración de intencións. Hoxe nós temos un 70 % cumprido e con máis dun 20 % en proceso.

-A execución orzamentaria foi baixa nos dous primeiros anos. Como está agora?

-Non o podo precisar, pero son porcentaxes comparables con calquera ano do mandato anterior [La Voz solicitou o dato de novo trala entrevista, pero o goberno local non o facilitou].

-De que está máis satisfeito deste mandato?

-Estou orgulloso de que as políticas urbanísticas neste Concello non as marquen os promotores inmobiliarios. Foi difícil fixar criterios claros e que se asumisen. Orgulloso de que esta cidade recuperase a memoria histórica, orgulloso da renda social municipal... Sobran motivos.

-E menos?

-Non hai nada do que me avergoñe. Gustaríame ir máis rápido en todo, pero un choca coa realidade administrativa. Que poderiamos ter feito cunha situación máis normalizada? [A Marea está en minoría e rexeitou un pacto de goberno]. Ás veces un tamén pensa qué puido ter feito mellor para que iso ocorrese.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
56 votos
Comentarios

Xulio Ferreiro: «Temos a conciencia moi tranquila»