«A Marea ía cambialo todo, pero houbo exceso de postureo, de facer que se fai»

O experimentado nacionalista anuncia unha campaña en positivo e unha aposta polo diálogo


A Coruña / La Voz

O primeiro partido en nomear candidato para as vindeiras municipais foi o BNG. Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) é un veterano do partido bregado no Congreso, no Senado e tamén no Parlamento galego. Faltáballe, confesa, a experiencia municipal, e niso está. Aínda que nado en Ferrol, lembra que leva desde os nove anos na Coruña, onde é veciño do barrio do Castrillón.

-Agora que case todos os partidos buscan caras novas para as súas listas, o BNG aposta na Coruña polo contrario.

-Creo que a experiencia é un valor, polo tanto en política é importante tela. Unha das cousas das que adoece o actual goberno municipal da Coruña é de falta de experiencia, e iso se traduce na incapacidade para xestionar, na improvisación, na falta dun proxecto claro e nun xeito de funcionar a golpe de ocorrencia. No caso da proposta do BNG conxuga experiencia e renovación con tándem que formamos Avia Veira e máis eu.

-¿Que diagnose fai da situación da cidade no actual mandato?

-Non todos os problemas da Coruña son atribuíbles ao goberno municipal. Hai un sentimento xeneralizado de que a cidade perdeu impulso, de certa parálise froito da crise, que castigou de xeito moi severo á Coruña, e froito do esgotamento dun proxecto que guiou a sucesivos gobernos e centrado na aposta pola hiperespecialización no sector servizos. Fronte a iso, o goberno actual non foi capaz de dotar a esta cidade dun novo horizonte. Si algo ten este goberno é ausencia de proxecto. Goberna por imitación ás autoproclamadas cidades do cambio.

-¿Que mudou na Coruña nestes tres anos?

-Houbo algúns pequenos cambios que merecen unha valoración positiva, pero hai unha diferenza abismal entre a expectativa que se xerou e a realidade. Ían a cambialo todo, pero mudaron moi poucas cousas. Houbo un exceso de postureo, de facer que se fai, e moi poucas actuacións prácticas. Esta cidade non se pode permitir o luxo de perder outros catro anos.

-¿Vese negociando con outras forzas despois das eleccións?

-O BNG ao logo da súa traxectoria ten acreditado a súa capacidade de diálogo. Este é un defecto do que adoeceu o actual goberno municipal que estando en minoría non foi capaz de construír alianzas que asegurasen a gobernabilidade, en moitos aspectos pecou dun exceso de soberbia.

-¿Que lle pasou ao BNG no 2015 para quedar cun concelleiro?

-No 2015 había un clima de desafección política que fixo que houbese un castigo a todos os partidos preexistentes e se apostase por algo percibido como novo. O BNG, ademais, viviu unha situación de conflitos internos durante moito tempo. Todo iso tivo un castigo. A situación variou de maneira significativa desde entón.

-Moitos votantes marcharon á Marea. ¿Vai haber unha campaña dura?

-O BNG non ten ningunha vontade de enfocar a campaña contra a Marea. Imos facer unha campaña en positivo, explicando razoadamente as nosas críticas e expoñendo as nosas alternativas.

-¿Que relación ten co resto de partidos?

-Non teño aínda unha interlocución tan fluída. Pero sempre me caractericei por non confundir as diferenzas políticas co plano persoal ata o punto de non ter capacidade de interlocución con outras persoas doutras forzas. Coñezo a Xulio Ferreiro, sempre tiven unha relación correcta e cortés, igual que con Beatriz Mato. Con José Manuel García quedei emprazado para tomar un café.

-¿De que coñecía ao alcalde?

-A ninguén se lle oculta que foi militante do BNG aínda que non fose moi significado. As veces que coincidimos sempre tivemos unha boa relación e desde as pasadas municipais temos coincidido nalgún acto e temos conversado amigablemente.

-¿Que ten que mudar na Coruña?

-Esta cidade ten que construír un proxecto desde a posta en valor dos seus enormes recursos e potencialidades. A Coruña ten que ser o motor económico de Galicia. Nestes anos houbo un exceso de xogar a facer que se fai, como co porto: a participación non pode ser un pretexto para non facer propostas.

«No escándalo dos pisos houbo unha xestión desastrosa e unha actitude covarde»

Jorquera avoga por evitar mesturar as diferenzas políticas coas persoais para permitir o diálogo entre forzas.

-Se escoitou algún pleno, ¿cre que esa diferenza se mantén hoxe en día?

-No pleno polo escándalo dos pisos houbo comportamentos persoais que non me gustaron. Se pode ser moi contundente nas críticas, pero sen faltar ao respecto no persoal. A actitude de Veira foi intachable. E en política é moi importante ter capacidade de asumir e de aceptar as críticas. Houbo actitudes por parte de membros do goberno municipal que denotan que teñen mandíbula de cristal, pouca elegancia á hora de aceptar as críticas que formula a oposición, cando a labor da oposición é esa, fiscalizar a acción de goberno. Hai actitudes que denotan un exceso de soberbia, e a soberbia hai que desterrala na política e en todas as ordes da vida. Houbo unha enorme falta de autocrítica ata o punto de non asumir responsabilidades políticas, cando creo que a rexeneración da vida política conleva que cando se mete a pata até o fondo, alén de se hai responsabilidades penais ou non, alén de se estamos a falar dun caso de corrupción ou non, hai que asumir responsabilidades políticas.

-¿Meteuse a pata até o fondo?

-É evidente. Non falo de corrupción, só dunha xestión desastrosa. En política é moi importante no caso dun concurso en que todos os ofertantes cumpran as condicións, pero si resulta, ademais que un ofertante é un significado membro do meu partido, ese rigor hai que levalo ao extremo. É evidente que non se fixo así. Considerar que as responsabilidades xa están dirimidas coa dimisión dunha funcionaria é unha actitude covarde e ten pouco que ver coa transparencia e a rexeneración política.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

«A Marea ía cambialo todo, pero houbo exceso de postureo, de facer que se fai»