Despois da condonación polo goberno do Estado ao Consorcio Valencia 2007 da débeda da 350 millóns de euros pola urbanización do vello porto de Valencia, para a celebración da Copa América de Vela e carreiras da fórmula 1, A Coruña non pode calar, nin permitir unha nova discriminación.
As relacións entre as distintas Administracións non poden cimentarse en criterios de amizade ou de intereses partidistas e electoralistas. O «Goberno amigo» de Mariano Rajoy (PP) cedía gratuitamente un millón de metros cadrados dos peiraos do porto de Valencia á cidade, que tiña un goberno municipal presidido por Rita Barberá (PP). Agora repítese a historia e o «Goberno amigo» de Pedro Sánchez (PSOE) condona 350 millóns de euros da débeda que tiña o citado Consorcio no que participa a Generalitat de Valencia, que preside Ximo Puig (PSOE).
O 7 de maio do 2017 celebrábase na Coruña unha manifestación coa participación de máis de 5.000 persoas e co apoio de 70 entidades, entre elas Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG. Baixo o lema xeral de «Recuperar para o pobo o que é historicamente da Coruña. A Coruña non se vende», reivindicaba «a devolución gratuíta de todos os peiraos, da Solana e o Hotel Finisterre, a cárcere e os terreos do Campo da Estrada». Dicía o manifesto da convocatoria: «O porto exterior é unha obra do Estado e, xa que logo, debe ser o Estado quen pague a súa construción. Esiximos a devolución gratuíta ao Concello, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria».
Non podemos desaproveitar esta oportunidade. É posíbel e necesaria a unanimidade de todas as forzas políticas, sindicais e sociais para defender os intereses da Coruña. Por iso Defensa do Común trasladou a todos os grupos municipais unha proposta de moción para o pleno municipal de hoxe, esperando que sexa aprobada por unanimidade. Entre os acordos, recolle: «Instar o goberno municipal a que negocie coas distintas Administracións a fórmula axeitada para que o custo da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións, que é unha obra do Estado, sexa pagado por este, e que sexa condonada a débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, como se fixo con Valencia».
A condonación polo Estado desa débeda de 200 millóns de euros é fundamental para que A Coruña non se venda e poder facer un deseño dos 450.000 metros cadrados dos peiraos desafectados polo traslado ao porto exterior, pensando na utilización deses terreos para actividades produtivas que creen emprego, equipamentos públicos, zonas verdes e infraestruturas terrestres e marítimas. Eduardo Eiroa resumía moi ben nestas páxinas a situación: «Si no hay que pagar, no hay que vender».
Independentemente dos foros, debates ou concursos de ideas que se poidan realizar, é hora de que a cidadanía poida decidir sobre os asuntos que lles afectan e A Coruña debe trasladar a súa voz ao Goberno do Estado a través dunha consulta popular, tal e como foi aprobado polo pleno municipal do 6 de marzo do 2017, e novamente no do 11 de xuño do 2018, con esta pregunta: «Está vostede de acordo con que o Estado asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de punta Langosteira e as súas conexións? O goberno municipal terá en conta o resultado desta consulta popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas Administracións públicas». A realización desa consulta popular é un tema de vontade política. O goberno municipal debe respectar o funcionamento democrático do Concello, executar os acordos plenarios e cumprir as súas promesas.