Xosé Pérez: «Temos que acadar un crecemento racional nas cidades para dar satisfacción ás persoas»

O experto explica a metodoloxía para darlle solución ao problema dos edificios baleiros na Coruña

.
a. a.
a coruña / la voz

O estudo, avaliación e proposta de posibles solucións da problemática dos edificios abandonados na Coruña é a materia de estudo no curso de verán que organiza a Universidade da Coruña, co apoio do Concello, con motivo da iniciativa de investigación Empty Coruña? Durante 11 días os alumnos asisten a clases impartidas por profesores e profesionais do urbanismo. Un destes profesores é Xosé Pérez Ríos, catedrático de Organización de Empresas da Universidad de Valladolid e orixinario de Monte Alto.

-Sobre que versa a clase que imparte neste curso de verán?

-O meu cometido é mostrarlles aos alumnos as ferramentas conceptuais e metodolóxicas que están relacionadas co enfoque sistémico, é dicir, global e integrador, algo imprescindible para tomar calquera tipo de decisión, neste caso a problemática urbanística na área coruñesa. Tratamos de saber como abordar a complexidade nun panorama no que están afectados os cidadáns, as Administracións públicas, as empresas e un longo etcétera, e poñer exemplos de aplicación real no urbanismo. Neste caso, se a área de influencia é moi ampla, como a da Coruña ou a rexión urbana A Coruña-Ferrol, as múltiples organizacións e Administracións necesariamente están interrelacionadas. Esa é a complexidade estrutural. Entón, as políticas de desenvolvemento urbanístico ou de transportes non se deben facer tan só a escala municipal. A única forma de facer un desenvolvemento urbanístico de boa calidade é integrando toda esa complexidade da zona xeográfica pertinente, que no caso da Coruña é toda a rexión urbana ata chegar a Ferrol cos seus 650.000 habitantes.

-Isto enfocado ao problema dos elementos baleiros que hai en toda a zona.

-Exacto. O problema de que haxa unha urbanización baleira en Miño non se debe de enfocar illadamente porque a causa de que exista non é local, senón que está a outra escala. Cando non se teñen en conta todos os factores a esa outra escala é cando se dá lugar ao que agora temos: múltiples pezas, barrios ou urbanizacións que están infrautilizadas ou baleiras. E dentro da cidade acontece o mesmo.

-É posible retomar o crecemento das cidades que había antes da crise?

-Fóra de España incluso hai cidades que son monstros e que crecen de forma case canceríxena, como a cidade de México. No caso de Galicia isto non se vai dar, nin falta que fai, pola cuestión do envellecemento poboacional. O que temos que facer é acadar un crecemento racional e controlado co que se vai a dar satisfacción ás persoas e aos axentes económicos.

-Cal podería ser unha posible solución?

-Unha proposta é a creación dunha especie de organización en forma de mancomunidade virtual, con funcionarios que xa existen, e que dediquen unha parte do seu tempo a tratar este tipo de problemas a esta escala. Pero é unha suxestión a moi longo prazo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xosé Pérez: «Temos que acadar un crecemento racional nas cidades para dar satisfacción ás persoas»