A corredoira iluminada de Elviña

O Camiño de Saramelos, un dos orixinais do val, foi recuperado e parece un curruncho de «El Bosque Animado»

.

É unha corredoira de libro: «Camiño de carro, estreito e profundo, que discorre entre valos ou elevacións do terreo». Así aparece definida no dicionario da RAG e así é o Camiño de Saramelos que se pode ver, e andar, baixando de Castro, lugar de Elviña. Ou subindo. Alí están os felgos vestindo de verde cada entrada da corredoira. As hedras gabeando por pedras e árbores. As rochas que fan de valo e en algúns lugares parecen estar sostidas polas raíces dos vellos carballos. Ortigas. Silvas. Toxos. Salgueiros. Flores. Árbores dobradas por enriba da corredoira como si quixeran protexela. Wenceslao Fernández Flórez podería levalos a El Bosque animado, e metelos nesa marabillosa conversa que manteñen as árbores de Cecebre. Aquí, en Elviña, onde empeza a corredoira na parte de abaixo, hai un pino teso, noviño, que parece vixiar a quen sube. Un pouco máis arriba un cansado carballo cargado de ramas e hedras. Máis alá outra árbore amiga das brincadeiras xa que empezou a medrar cara a corredoira, un día deulle por virar e fai uns curiosos ángulos. E arriba de todo un vello pino que cando anoitece debuxase na penumbra como un poderoso vixía.

Claro que a esta corredoira, ademais dos carros que xa non pasan por ela, fáltalle un elemento fundamental: a lama, o barro, as charqueiras. No seu sitio hai unha pequena capa de asfalto e no medio dela luces que, xusto cando anoitece, encenden. De noite, a certa distancia, ben se podería pensar que a Santa Compaña baixa, ou sube, detrás da alma en pena de Fiz de Cotobelo.

Os veciños de Elviña saben que «este camiño é o tradicional, o que ía a Arteixo e a Soandres, na Laracha. Este camiño non é unha broma: estivemos loitando moito para que se conservase...», explica Luís Gómez, presidente da asociación de veciños.

O de Saramelos era o Camiño Real de A Coruña a Bergantiños, segundo recolle un traballo publicado pola Universidade da Coruña sobre tódalas vías do Val de Elviña, «un territorio situado entre dúas vías de tránsito principais relacionadas no medievo coas peregrinacións, o camiño a Fisterra e o camiño a Compostela», di a publicación universitaria.

«A Terceira Rolda levouse por diante un camiño que é a continuación deste e que é o Camiño da Costa. Nós denunciamos que ía desaparecer pero nin caso...», laiase Gómez. «Os camiños son para andar. De aquí a Mesoiro tardas 15 minutos, pero agora xa non podes cruzar porque en Castelo romperon todo e tes que baixar por onde che marcan eles. É unha cuestión xa de acoso porque empezan a romper por todos lados... O territorio tamén o rompen igual que machucan a xente». Gómez da voz aos veciños que levan anos vivindo baixo as continuas expropiacións das súas terras e das casas: En oito décadas, dez expropiacións, algunha aínda pendente de resolución.

Sobre o Camiño de Saramelos, reparado no ano 2016 polo Concello da Coruña cunha inversión de 60.000 euros, «tivemos unha discusión enorme porque nós non queriamos este pavimento pero desde un punto de vista técnico parece que tiña que ser así. Isto conserva as paredes orixinais. É unha corredoira, das de sempre. Agora está todo crecido...», di, amosando a entrada superior da mesma.

Un atallo para coller o bus

«Nós non queremos so cousas bonitas: queremos que sexan bonitas, respectando o que hai, é que sexan funcionais», reflexiona

Gómez e explica por qué querían recuperar esta vía: «Aquí o problema é que polas mañás si queres ir para A Coruña o bus 24 sube para A Zapateira e entón tes que coller o especial universitario. Así desde Castro vas por aquí ata Elviña, onde está a parada dos ferros e tardas moi pouco. Pero imaxínate isto as oito da mañá, ou as oito da noite, de inverno, de noite... Non ves nada. Hai que poñer luz». Pero «nós o que queriamos era que puxeran luces con horario, que non estivesen toda a noite acesas. Ao final son cousas que son unha utopía ou non sei... Polo menos fai un servizo». As luces están acesas toda a noite.

Ademais, «permíteche pasear, porque a carreteira non está pensada para que vaia xente andando. Foi unha reflexión de xente que quería conservar esta corredoira. Hoxendía está ben conservada pero porque houbo alguén que dixo: e a corredoira de Castro ¿por que non a habilitamos mentres non fagan beirarrúas?. Foi unha cousa de moito empeño, senón hoxe estaría cheo de lama, pendente de que cando viñese a expropiación do campus levarían isto por diante...». Por iso agora Elviña presume da súa corredoira iluminada.

Manuel Rivas: «Tiñan nomes que evocaban un destino e unha forma de andar»

«En Castro de Elviña confluían camiños vellos, como o dos Montañeses, un antigo camiño real, e corredoiras que tiñan nome e ese nome, ademais dun destino, evocaba un xeito de andar». Isto escribe Manuel Rivas no seu libro As voces baixas (Xerais), lembrando a súa infancia nese lugar. No capítulo O peso do mundo na cabeza, evoca como «a topografía dos camiños era en gran parte unha construción das mulleres que levaban as cousas necesarias na cabeza». E enumera aqueles camiños: «O da Estadea, por onde irían os vivos e os outros. O do Trasno. (...) Miña nai que me di: «Sigue o carreiro da galiña choca». E existían. A galiña. O carreiro. O niño. Ou o camiño do muíño de Perfecto». Confesa Rivas: «O meu preferido era o camiño cego. A corredoira da Cavaxe. A vella corredoira que viña do val de Mesoiro e ía pola beira da fortaleza do Castro. Cada camiño ten a súa imaxinación. Os camiños morren cando deixan de contar historias. Ese camiño do que falo estaba cegado pola vexetación gran parte do ano».

«A Loura de Vilarrodís»

As veces os que morrían non eran os camiños: «Lembro un día de inverno, chuvioso, na curva apareceu a comitiva dun enterro. Ese filme do camiño non era de todo estraño. Mesoiro e Feáns pertencían á parroquia de San Vicenzo de Elviña e traían a enterrar os seus mortos, moitas veces a pé, coa caixa nos ombreiros durante quilómetros. Mais ese día o camiño cego abriuse para amosar o andar extremo da tristura». O morto era un neno que ía «nun cadaleito branco azulado baixo o trebón». Por aquel camiño da Cavaxe o mesmo aparecían os saltimbanquis do Circo Price, con Pinito del Oro, que xinetes vestidos de mariachi ou «a Loura de Vilarrodís, co seu uniforme de capitá» do equipo de fútbol.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A corredoira iluminada de Elviña